Arredor de douscentos rapaciños e rapaciñas do CEIP de Sada e os seus contornos, e unha representación de adolescentes do IES Isaac Díaz Pardo, de entre 4 e 16 anos, participaron na festa que o portal Primavera das Letras dedicou a Luísa Villalta, a quen este ano a RAG homenaxea no Día das Letras Galegas. Luísa exerceu a docencia nesta vila dende o ano 1991 ata o 2004, data do seu pasamento. Tiña daquela 46 anos.
A Academia escolle a figura á que se lle dedica o 17 de maio pensando na calidade da obra literaria e na súa significación dentro do sistema cultural, mais tamén pensando noutros valores sobre os que paga a pena reflexionar, ou mesmo visitar (o exilio en México con Florencio Delgado Gurriarán, por exemplo; a resistencia nos anos difíciles da ditadura con Fernández del Riego). Luísa foi unha excelente e moi competente profesora, titular de Lingua e Literatura Galegas; ensaísta, narradora, poeta, dramaturga, columnista de opinión… Da súa obra literaria fala a crítica, e haberá ocasión de tratala da man dos especialistas. Eu quixera hoxe falar da docente, da profesora que elixe o seu traballo, mesmo renunciando a outras vías de realización persoal como música, as artes escénicas ou a propia literatura, cunha vocación definida e un compromiso activo, non só coa causa da materia que imparte (a nosa lingua), senón coa causa profunda da educación e a formación de futuros adultos (cidadáns), libres e informados para poder exercer a liberdade.
Un dos seus alumnos, hoxe alcalde da vila, Óscar Benito Portela, definiuna cun comentario que xa quixeramos escoitar dos nosos alumnos ou exalumnos os que durante algún tempo exercemos a docencia: «Ensinaba nas aulas. Pero moito máis fóra das aulas». Co seu exemplo, co seu compromiso e, moi principalmente, coa dedicación que prestaba ao alumnado. Alí estaban os froitos. Na festa participaron rapaciños e rapaciñas de educación primaria, aos que vai dirixido o portal Primavera das Letras, mais tamén profesores e profesoras que con esforzo e dedicando un tempo que ás veces non teñen, alén do horario escolar, levantaron case dúas horas de música, recitado, biografía e escenografía. E alegría, sobre todo alegría. Moitos deses profesores foran alumnos ou compañeiros de Luísa, e varios escolinos eran fillos daqueles antigos alumnos.
Nunca cansarei de repetir a importancia do profesorado na construción dun país, de calquera país, a prol da modernidade e a liberdade democrática, que ha ser liberdade crítica, consciente, informada, fundamentada nos afectos e na exemplaridade dos que, para ben e para mal, somos referentes. Nunca cansarei de loar o traballo dese profesorado activo, e non sempre suficientemente recoñecido (non falo de diñeiro, aínda que se cadra tamén), que decote traballa entregado aos nosos fillos.