Unha nova iniciativa facilitará que os escritores promocionen a cultura galega no Reino Unido

La Voz

CULTURA

16 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A escritora e investigadora María do Cebreiro Rábade Villar inaugurará entre o 23 de febreiro e o 22 de marzo unha iniciativa que procura a promoción da cultura e a lingua galegas no Reino Unido. Tamén participará esta autora nunhas xornadas divulgativas que se celebrarán nas universidades de Bangor (Gales) e Liverpool, do 18 ao 20 de marzo, onde intervirán Mercedes Queixas, María Reimóndez, Antía Otero e Helena González.

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, e o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias, como as dúas partes que promoven este proxecto, salientaron a súa singularidade para facilitar que os produtores das letras galegas se proxecten internacionalmente, e que iso favoreza igualmente a normalización da lingua.

Helena Miguélez, profesora galega na Universidade de Bangor, indicou que a María do Cebreiro lle van facilitar contactos coa cultura galesa, e actividades que supoñan visibilidade para a cultura galega naquel país.

Cesáreo Sánchez afirmou que se trata dun paso máis para que os escritores galegos contacten co ámbito universitario, como aconteceu no último bienio con encontros nas universidades da Coruña e Vigo, ás que esperan sumar a de Santiago neste ano.