María do Cebreiro promocionará a literatura galega en Gales

La Voz

CULTURA

23 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A escritora e investigadora María do Cebreiro Rábade Villar comeza hoxe unha estadía dun mes convidada no Centro de Estudos Galegos da Universidade de Bangor (Gales). Nese período participará en diversas actividades encamiñadas á promoción das letras galegas.

Segundo informa o centro universitario que a acolle, a poeta xa ten acordadas intervencións para o día 28 deste mes, e tamén para o 6, 11, 17 e 20 de marzo.

A autora de títulos como Nós, as inadaptadas ou As terceiras mulleres realizará tamén unha visita á Universidade de Liverpool, dentro da programación que lle teñen preparada. A escritora intervirá ademais nun encontro internacional de estudos galegos organizado en Bangor, onde dará unha conferencia subordinada ao título Espectros da nación. Formas de resistencia ao nacionalismo literario. Esta actividade conta co apoio da Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. O seu obxectivo é favorecer a internacionalización dos escritores do país. Segundo se asegurou, a iniciativa terá continuidade.