Kiko da Silva e Henrique Torreiro participan nun obradoiro de banda deseñada galega en Francia
CULTURA
Os lectorados de lingua e cultura galegas das universidades de Bangor, en Gales (Reino Unido) e de Rennes (Francia) organizan neste mes un ciclo de actividades nas que participan creadores galegos e coas que se pretende traspasar o ámbito universitario na difusión exterior do idioma.
O Centro de Estudos Galegos de Gales vén de inaugurar a Residencia de Escritoras e Escritores Galegos coa estadía da poeta María do Cebreiro. Durante un mes, a autora fará achegas académicas e creativas ao programa de ensino do galego que se desenvolve nesta universidade.
En Rennes, a banda deseñada galega será o eixo dunha xornada que se vai celebrar o próximo martes e na que van participar Henrique Torreiro e Kiko da Silva.
Este último artista dirixirá un obradoiro sobre a narración e a creación de personaxes de banda deseñada nas diferentes culturas.