«No artístico estamos mellor que na programación»

CULTURA

Olga Cameselle tenta bailar en todas partes desde a contemporaneidade, para os cativos e para os grandes.

-¿Como ve vostede a situación da danza en Galicia?

-Desde o punto de vista da creación, hai máis compañías que hai dez anos, hai estilos moi diferentes e propostas moi variadas. Isto é moi interesante por canto supón que, no artístico, se avanzou bastante e hai unha madurez e posibilidades. En canto á programación, aínda non está afianzada a situación. Estou escoitando discursos que non variaron desde hai once anos, cos mesmos prexuízos. Materia prima hai na danza galega, pero a programación aínda non é estable.

-¿Hai visibilidade?

-Sempre hai público de danza, pero non é maioritario. Creo que o traballo da Sala Galán, por exemplo, axudou a que o público se fose achegando. Penso que en Galicia foise xerando público, aínda que non coa mesma velocidade e na mesma proporción que noutros xéneros.

-¿Quere dicir que aínda se conserva o prexuízo sobre o elitismo da danza contemporánea?

-Hai xente que o perdeu. Hai outras disciplinas, como a música clásica, que padecen algo similar e non se atende aos compositores contemporáneos. Non entendo os prexuízos, porque a danza non entra polo intelecto.

-Está facendo con «Menú vexetal» danza para cativos. ¿Como funciona a experiencia?

-Metémonos a facelo porque se facía en Europa pero aquí non, e porque tiñamos a asesoría de Alfredo Rodríguez, que sabe como orientar as cousas para os cativos. A experiencia é boa tanto para a compañía como pola resposta que temos do público.

-¿Hai continuidade no profesional na danza galega?

-Hai propostas que axudan a abrir camiño, pero aínda non vexo aos programadores moi convencidos e quizais por iso falta algo de estabilidade. Hai que ir normalizando a situación e que o chip vaia cambiando.

-¿A existencia do centro coreográfico non axuda a cambiar as inercias?

-Ata agora non houbo tantos cambios, pero é que non pasou tanto tempo. Un perigo que corremos socialmente é a premura. Unha das funcións do centro é esa, pero a min preocúpame a presión de que os resultados teñan que estar xa. É importante que exista e tamén é importante darlle tampo para que se vaian cumprindo os seus obxectivos.