O ambicioso programa da terceira edición do Festival de Música de Compostela e os seus Camiños, Via Stellae, consolida a súa oferta de música clásica co acento no barroco e con avances cara á música contemporánea e a presenza da antiga, co clasicismo e o romanticismo musicais, e a ollada posta na celebración do ano santo do 2010, no que a Consellería de Innovación e Industria, promotora do evento a través da sociedade anónima de xestión do Xacobeo, prevé duplicar a programación desta celebración musical.
Como nas dúas edicións anteriores, Compostela será o centro da actividade do Via Stellae, porque a capital galega vai ofrecer en diferentes escenarios do seu patrimonio arquitectónico 48 concertos dos 85 programados en 35 vilas e cidades repartidas polas oito rutas de peregrinación a Santiago.
O orzamento de 1,2 millóns de euros posibilita que o festival, como subliñou na presentación do encontro o responsable de Industria, Fernando Blanco, se consolide como «un referente internacional recoñecido pola categoría dos seus intérpretes e directores», dos que manteñen a súa colaboración estable dende a primeira edición Marc Minkowski, John Elliot Gardiner, Rinaldo Alessandrini e Giovanni Antonini.
Bach, Vivaldi e Händel
Ademais de incorporar a Martin Gester, Philip Pickett, Federico María Sardelli e Daniel Harding, terá lugar a presentación mundial da agrupación inglesa Magdalena Consort, que dará o seu primeiro concerto en Santiago dirixida por Peter Harvey, especialista na revisión da interpretación de obras de Bach, compositor que vai ser o epicentro do Via Stellae, xunto cos tamén barrocos Vivaldi e Händel.
Personalidade propia
O director artístico do Via Stellae, Víctor Carou, indicou que o festival «mantén a súa personalidade propia e singular» debido á relación con artistas relevantes, como os directores residentes deste festival, con colaboracións e proxectos específicos para o Via Stellae. Cinco actuación serán gravadas en cedé durante o festival, como a Misa en si menor de Bach, dirixida por Minkoswski, e o concerto para violín de Chaikovski interpretado por Janine Jansen e a Mahler Chamber Orchestra. Tamén van ser gravados os programas de música antiga que ofrecerán Mónica Piccini e o compostelán Manuel Vilas, o de Fernando Reyes e Mercedes Hernández e o de Marta Infante coa agrupación Ars Atlántica. Na nova edición ofreceranse actividades que o ano pasado tiveron boa acollida, como os Concertos Express, de 30 minutos, en distintos claustros composteláns, e o ciclo Música e Arte, en mosteiros como Oseira e Armenteira, onde se estreará o ciclo Via Stellae 20/21 dedicado á música contemporánea, ás vangardas e a creadores galegos como Bal y Gay, Paulino Pereiro, Gaos, Quiroga e Juan Durán, con intérpretes coma o pianista Nicasio Gradaílle.