A Mostra de Teatro de Ribadavia comezou botándose ao monte da percusión. Aproveitando o resultón que é iso de facer ruído ritmicamente e o que farda que aínda haxa xente no mundo que aproveite o claqué para bailar. É un exercicio que leva implícito algo do máis difícil aínda e de exhibición física. Ou sexa, ideal para unha noite ao aire libre de festival escénico. Camut Band mestura a percusión e a danza e fai dunha cousa outra nun exercicio manierista que converte ao grupo nunha banda desas que cantan a capela todo tipo de melodías. Eles levan a percusión desenchufada e xogan ao exótico dalgúns ruídos máis ou menos comúns colocados noutro contexto. Igual vai ser estrañamento. Pero o tacón, punta, tacón non dá para todo, así que, como os bos grupos de música a capela, a compañía xoga cos espectadores e fan un pouco de teatro de bo rollo, sinxelo e simpático, en parte para sacudir a electricidade estática do público sobrecargado de tanto ver bailar e non poder mover os pes. O xogo está medido e ten esa elementariedade de reprender mansamente ao espectador para que vaia entrando na complicidade. O Auditorio do?Castelo é un espazo moi agradecido para estas vistosidades e o público da Mostra é aínda máis agradecido coas exhibicións.
Houbo empatía e complicidade para un espectáculo festivaleiro que leva ao certame ata as marxes onde remata o teatro.