Optimismo e arredores

Camilo Franco

CULTURA

03 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Practicar o optimismo como unha maneira de resignación non parece unha boa estratexia. Nin no cultural, nin no político. O optimismo infundado é desmobilizador porque, como quen non quere a cousa, non é máis que outra versión da esperanza. E esta virtude teologal non está baseada en ningún principio razoable.

O sector audiovisual pasou pola súa festa con certas doses de optimismo e outras doses medidas de reivindicación. Tamén con unanimidade a pesar de que o 2008 foi, segundo se comentou na propia gala, un ano de cantidade e variedade de películas, series, curtas, documentais. Pese a ser unha fornada completa os académicos decidiron concentrar o seu voto en Os mortos van á presa de maneira que o resultado final da noite quizais non fose xusto con tanta variedade e calidade como din que hai no sector en Galicia. E non quero aceptar ese principio tuneado de que os premios sempre son inxustos porque non sei que facemos nós facendo cousas inxustas.

Entre as reivindicacións unha incontestable e non me refiro ao galego. Non pode ser que, nin en Galicia nin entre galegos, un cambio de Administración supoña un frenazo. Non é imaxinable, nin aceptable para ningunha parte que as maquinarias ao servizo da sociedade se tomen estes respiros. E agora que o dinosauro xa se botou a nós, menos que nunca.

Esperanza Aguirre, que afortunadamente non é galega nin de Galicia, decidiu que cando veñen malos tempos é mellor cortar polo san e facer desaparecer a Consejería de Cultura madrileña. É, como moito, unha medida cosmética para contentar aos indiferentes porque os gastos dese departamento non dependen tanto do rango administrativo que teña. Esta decisión galerista non agacha os últimos dispendios da comunidade madrileña que seguirán xerando gasto. Cousas tan soadas como a inauguración dos Teatros del Canal ou a fichaxe de Boadella para dirixilos. Un Boadella que, quizais por falta de tempo, comezou programando a súa compañía, Els Joglars. Unha compañía que mesmo procedendo do teatro independente non é a máis económica das que circulan polo territorio en crise da península Ibérica. Cando se decidiu este merengue o país xa estaba en crise pero en aquel momento a presidenta quizais non a tiña en conta.

Algún día tamén sería útil comezar a falar da crítica sen eufemismos. En serio. Como sucede coa lingua, hai poucos asuntos tan deixados levar polo maniqueísmo e por esa difícil distancia entre o particular e o colectivo. Porque cando falan en colectivo todo o mundo de dios, pero todos, aseguran que a crítica é unha necesidade e un luxo e que a crítica debe ser como ten que ser e dicir as cousas que ten que dicir. Pero cando descendemos ao particular todo cambia e imponse a dobre moral. Porque todo o mundo quere que lle digan a verdade ata que vai alguén e lla di. Todo ou nada. Quero supoñer que a crítica é útil e que está no centro da maneira en que funciona unha sociedade civilizada e con ánimo cultural. Liberado da obviedade, entendo que a crítica é a continuación da información por outros medios e que se aceptamos a críticas boas temos que aceptar as malas. Non pode ser que se critique unha crítica demasiado amable e logo desautorizar ao crítico por negativo cun libro. Non pode ser que se consinta aos autores as súas excentricidades e que aos críticos se lles pida ortodoxia. Non se pode considerar que crítica é un xénero subordinado a outro superior. E, non fondo, iso é o que sucede. Pero sucede tanto así que mesmo hai críticos que están convencidos diso e que só queren que ninguén lles entre na parcela. Unha leiriña que aínda non sabemos ben se é de Galicia ou é galega. E vai ser todo ou será nada de nada.