O cómic reencarnado

Raúl Veiga

CULTURA

25 ene 2010 . Actualizado a las 09:57 h.

Non estraña, nunha sociedade como a occidental, que o diñeiro (diñeiro investido en producir Avatar ou recadado na billeteira) sexa noticia. Para o conseguir, James Cameron, como tantos, apelou ás formas culturais de maior impacto entre o público obxectivo: o cómic e o videoxogo. Tivo o acerto de ben integrar o avance tecnolóxico para que o artificio non chame a atención por si, pois o espectador quere peripecias e, con efecto, sente que o tempo voa a seguir esta historia de banda deseñada. Non falta ningún dos ingredientes típicos: antagonistas sen matices, previsibilidade do relato, pintura fermosamente estilizada, combates incribles, valores simples para esquecermos a complexidade dos nosos males.

Porén, Cameron é mañoso e sabe compensar o magro dos vimes que se dá coa convocatoria de múltiples referencias culturais, cen mitos, mil, bañados en caldo de panteísmo ecoloxista. Iso fai posible sobreinterpretar o filme na clave de máis gusto para o consumidor. Son só alusións (relixiosas, políticas, estéticas), pois non collerían as espesuras traballadas e integradas dun filme clásico.

Un exemplo: a estratexia colonial dos «maos» concéntrase, finalmente, en atacar o árbore das almas de Pandora, o vínculo directo que une a comunidade dos Naví coas voces dos antepasados. ¿Cal é o noso instrumento de comunicación cos devanceiros? ¿Quen quere atacalo? Aplicación tan verosímil como a de ver no filme unha crítica á guerra de Iraq. Xa temos pretexto para falar ao saír do cinema, conforme case impón o eco mediático. Mais iso, promover a fala, é un mérito que o diñeiro non garante.