«Algúns amigos teño no Bloque e dinme que o seguirán sendo»

La Voz

CULTURA

21 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Diego Ameixeiras insiste que a súa é unha novela de política ficción e sobre a repercusión que a obra terá no Bloque apunta, non sen certa retranca: «Algúns amigos teño no Bloque e dinme que o seguirán sendo».

Tamén salienta que non hai exemplos en Galicia de novelas deste tipo: «Podería ser a de Anibal Malvar A man dereita [Sotelo Blanco], pero supoño que non é moi usual, feita de acontecementos que están tan cercanos». Confesa que foi algo «que collín moi de repente, porque me apetecía facer unha sátira política».

En canto ao seu interese pola política, o autor explica: «Interésame como a calquera, vas lendo cousas para ter as túas opinións».

Outro detalle que apunta é que se trata dunha novela longa, «folios eran uns 240 e iso no libro poden ser unhas 300 páxinas». Calcula que para a volta das vacacións de verán, «no mes de setembro», terá lugar a primeira presentación da nova novela.

Ameixeiras confesa que entre os escritores españois de novela negra, Manuel Vázquez Montalbán e Andreu Martín destacan entre os seus autores de referencia.

Tamén comparte a opinión do ex ministro Jordi Sevilla, que vén de presentar a súa primeira novela negra na feira do libro da Coruña (titulada La joven de la foto), de que este é un xénero literario moi serio: «É certo, facer unha novela negra é complicado, sempre ten unha serie de desafíos e non podes cometer erros».