«Secuestrados» gaña o premio á mellor película e ao director no Fantastic Fest de Austin, en Texas

La Voz

CULTURA

02 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Secuestrados, a nova película da produtora coruñesa Vaca Films e que conta coa participación de Filmanova Invest, levouse o premio á mellor película e o mellor director, Miguel Ángel Vivas, na categoría de terror no Fantastic Fest de Austin, en Texas.

Por outra parte, son varios os filmes xa rematados totalmente, pero que aínda agardan estrea, en boa parte porque non pecharon a súa distribución. A produtora Tic Tac apadriña dúas longas que xa están a ter presenza en numerosos festivais internacionais. Recentemente vén de participar en San Sebastián, coa súa coprodución con Costa Rica e outros países, Agua fría de mar, de Paz Fábrega, xa premiada en Róterdam.

Igualmente, 18 comidas de Jorge Coira (premiado en Taormina á mellor dirección) na que tamén participa Zircocine en coprodución coa arxentina Lagarto Cine, abrirá o Festival de Cine Internacional de Ourense. O guión do propio Coira xunto a Diego Ameixeiras e Araceli Gonda céntrase en varios personaxes arredor das comidas do título. O reparto inclúe a numerosos actores galegos, entre eles Pedro Alonso, María Bouzas, Camila Bossa e José Barato.

Orixinal «Os Crebinsky»

Igualmente, a orixinal e sorprendente comedia Os Crebinsky, de Enrique Otero, sobre un guión propio compartido con Miguel de Lira, que tamén participa no reparto. Coproducida por Control Z, Chévere Visión e Zircocine. No cartel están Oliver Bigalke, Celso Bugallo, Luís Tosar, Manolo Cortés e Farruco Castromán, entre outros. De principio, ademais de verse no festival de Ourense, participarán na 15.ª edición do Festival Internacional de Pusan, en Corea, un dos máis importantes de Asia, onde se estreará internacionalmente o día 9.

Finalmente, a animación O apóstolo, de Fernando Cortizo. Producida por Artefacto, recrea un guión fantástico do propio director, ambientado no Camiño de Santiago cando un preso fuxido regresa a unha aldea para retirar o botín que agachou tempo atrás. O filme participará no American Film Market, en California, coa intención de abrir xanelas para a súa venda internacional. A banda sonora foi creada polo compositor Philip Glass coa colaboración de Anxo Pintos.