Presentada a versión dixital do libro de instrumentos de Pablo Carpintero

santiago / la voz

CULTURA

O Consello da Cultura Galega (CCG) presentou onte a versión interactiva multimedia do libro Os instrumentos musicais na tradición galega, de Pablo Carpintero. Trátase dunha «aportación singular», en palabras do presidente do CCG, Ramón Villares, «que vén a enriquecer o almacén de datos dixitais que esta institución pon a disposición de todos os interesados a través dos seus webs». A obra, que estuda 150 instrumentos, aparece enriquecida coa incorporación de diferentes sons e vídeos e estará dispoñible no sitio web do Arquivo Sonoro de Galicia. O seu secretario, Alfonso Vázquez-Monxardín, destacou a importancia desta versión interactiva do libro de Pablo Carpintero. Iván Area Carracedo, coordinador do Proxecto Ronsel -iniciativa das tres universidades galegas e da Xunta para a recuperación e salvagarda do patrimonio inmaterial- referiuse a Pablo Carpintero como «un dos doce apóstolos nesta tarefa, un dos maiores expertos mundiais na materia». Carpintero cualificou esta versión multimedia do libro como «un fito nos estudos da música en Galicia» e unha referencia no mundo «no que atinxe á calidade, á presentación e á sistemática, con vídeos que permiten coñecer e ensinar a técnica da de cada instrumento.