Nas próximas semanas estarán publicados en galego dous dos libros que levantaron máis expectación no mercado internacional. O primeiro será o manifesto de Stéphane Hessel titulado Indígnate!, e o segundo serán as memorias de Julian Assange, fundador de Wikileaks.
Indígnate! estará nas librerías en galego o vindeiro 5 de marzo, publicado por Faktoría K, con tradución de Fernando Moreiras e unha introdución de Manuel Rivas. Este libro superou en Francia os dous millóns de exemplares e ten tradución xa a outras vinte linguas. Esta mesma semana apareceu tamén en castelán, editado por Destino. Hessel é un supervivente dos campos de exterminio nazi e realiza un manifesto reivindicativo ante o que considera unha inxusta situación tanto social, económica, política e medioambiental que vive o mundo.
Julian Assange ten revolucionado o mundo informativo desde que Wikileaks se converteu na maior fonte informativa do planeta. As súas memorias serán editadas por 2.0 Editora nos comezos da primavera vindeira. Nestas lembranzas Assange explica cal é a filosofía da súa organización informativa de xeito que sirva como guieiro para as novas xeracións. As memorias servirán, segundo o autor, para poder manter aberto o portal e defenderse das acusacións que recibiu.