Da Real Academia a concertos de rock

La Voz

CULTURA

30 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Como é habitual, a Real Academia Galega celebrará o seu acto institucional o 17 de maio na cidade natal ou con estreitos vínculos biográficos co escritor homenaxeado. Así, o plenario reunirase en sesión extraordinaria ás 12.15 horas na Casa da Cultura de Monforte, nun acto no que intervirán os académicos Manuel Rivas, Margarita Ledo, Darío Xohán Cabana, Antón Santamarina e Luz Pozo Garza. A convocatoria rematará, como tamén é costume, coa interpretación do Himno, esta vez a cargo do Grupo de Gaitas de Monforte. Como peche, servirase un refrixerio no Centro de Interpretación do Viño. Ademais, a Academia organizará un congreso arredor de Pereiro a finais de ano.

Os congresos e simposios sobre a figura homenaxeada no Día das Letras son comúns. O que non o é tanto é a profusión de concertos de rock, como está a acontecer no caso de Lois Pereiro, en consonancia co gusto do poeta pola música do seu tempo e mesmo as letras que escribiu para o grupo do seu irmán Xosé Manuel, Radio Océano. O caso é que xa se levan organizados varios concertos en homenaxe ao escritor e aínda están previstos varios como os que protagonizará o grupo Ondas Martenot: hoxe mesmo actúan en Lugo; o 7 de maio, convidados pola Asociación de Veciños de Naraio e o 16 en Ourense. Para o día 13 tamén está previsto outro concerto, no Teleclube de Bretoña, no que ademais dos devanditos Ondas Martenot tamén participarán García MC, Xurxo Souto, Antón Losada, Xabier Cordal e integrantes dos grupos lucenses do tempo do rock bravú Escornabois e Rastreros.

Faladoiros

Tamén haberá tempo para a palabra: faladoiros e conferencias achegarán a vida e a obra de Pereiro. Como a cita convocada para o día 10 en Monforte (11.30 horas, Edificio multiusos), na que participarán Antón Patiño, Xosé Manuel Pereiro e Manuel Rivas. O día 20 Mercedes Queixas falará de Lois Pereiro na Biblioteca de Estudos Locais da Coruña. O día 21, no centro La Tabacalera, en Madrid, haberá lectura dos seus poemas, e o 23, no pub Ultramarinos de Santiago (22.30 horas), o espectáculo Poesía última de Lois Pereiro.