Unha xeración irrepetible

CULTURA

26 abr 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

AGuerra Civil acabou cos soños dunha xeración que vira no galeguismo, como extensión natural da democracia, a fórmula idónea para contribuír ao progreso do seu país e os seus contemporáneos. Aqueles galeguistas posuían unha visión integral da sociedade que querían alén da reivindicación cultural, apoiada na política e na economía, pero foi pola cultura por onde tiveron que comezar a reconstrución do seu proxecto nos tebrosos anos de posguerra. Xaime Isla Couto participou naquela polinización de ideas que alicerzaría de novo os piares dunha cultura galega. Consciente de que a cultura equivale a un país e un país a unha economía, puxo a súa visión empresarial, non só co ensaio, senón tamén ao servizo de Galaxia e numerosas outras iniciativas asociadas. Unha tarefa titánica, tendo en conta os medios orixinais e o asfixiante ambiente no que se desenvolvían. Nestes tempos nos que Galicia perde peso no tecido industrial, empresarial e financeiro, e nos que algúns que manexan números ven no galego un cero á esquerda -ou o anteceden do signo de resta- non debemos esquecer o exemplo desa xeración irrepetible.