Entre o kafkiano e o esperpéntico

Miguel Anxo Fernán Vello PALABRAS MUNDANAS

CULTURA

10 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A todas luces, Manuel Fernández Castiñeiras, o ladrón do Códice Calixtino, ten moi pouco en común con Guglielmo Libri Carucci dalla Sommaja, o célebre ladrón de libros do século XIX -reparen vostedes no seu primeiro apelido-, un conde florentino que foi profesor de Matemáticas en Pisa.

Guglielmo Libri era coleccionista de libros antigos e chegou a ser inspector de bibliotecas, mais acabou pasando á historia por roubar, ademais de varias cartas autógrafas de Descartes, diversos manuscritos orixinais de Galileo, Copérnico, Pierre de Fermat e Leibniz.

O bibliocleptómano galego, curtido no nobre oficio de electricista, está a ser protagonista dun episodio que, dende o seu inicio e no seu conxunto, conta con ingredientes que condensan e recapitulan -volatilidade interposta- algo que se albisca entre o kafkiano e o esperpéntico. Mais alá de que un sindicato policial cuestione agora a «tardanza» na detención do sospeitoso, acontecida un ano despois de que un informe policial interno o tivese sinalado con nomes e apelidos, o caso Castiñeiras promete, nas formas e no tempo, un longo percorrido. O ministro Wert falou da existencia de «puntos escuros» no asunto do Códice e o deán da Catedral sospeita que Fernández Castiñeiras padece un trastorno de «dobre personalidade». Veremos. ¿Pode alguén subtraer durante máis de 20 anos, case diariamente, obxectos diversos, entre eles libros (e billetes), dunha catedral sen que medie coñecemento e denuncia dos feitos? Xa o di o refrán: «Cerrar el arca ya hecho el robo, es precaución de bobo».