O autor de orixe galega, falecido onte, foi un batallador de escasa fortuna
07 sep 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Sempre que nos encontrabamos, fose en Barcelona ?a cidade que lle cambeara os soños e as ideas, dicía?, ou en Galicia, botábamo en cara: «Tu, tan galleguista y naciste en el Hospital Fernández, como cualquier pibe porteño, yo, en cambio, tengo la honra de haber llegado al mundo en el Centro Gallego de Buenos Aires». Horacio Vázquez-Rial, falecido onte, foi un escritor de raza, con vocación e estilo desenvolveuse en case todos os rexistros; deixou máis de vinte novelas e libros de relatos, dúcias de ensaios e até un par de poemarios.
Valorado polos que o consideraban entre os grandes contadores de historias, ignorado polos que non lle perdonaron que desde o trotskismo ?a Triple A perseguiuno nos anos 70 e por iso tivo que exiliarse? chegase a posicións controvertidas, pero súas, Horacio Vázquez-Rial foi un batallador de escasa fortuna.
Apenas unha nominación para o Nadal no ano 87, por Historia del triste, primeira peza dunha triloxía, notable, ben traballada, sobre a realidade sociopolítica arxentina que el vivira e que estudara como historiador; finalista do Plaza y Janés por La reina de oros, 1989, e poucos máis éxitos e galardóns. Se de escoller se trata, quédome con Frontera sur, romance co que voltou á escrita nos 90, memorialística saga familiar que transcorre en Buenos Aires, nas décadas finais do século XIX e no primeiro tercio do XX. Máis ca do cosmopolitismo da avanzada, deslumbrante e moderna cosmópole que competía daquela con París, Vázquez-Rial trata da outra Baires, da miseria dos emigrantes, da explotación e dos prostíbulos, do arrabaldo malevo, do duro ascenso dos Díaz, arquetípica prole galega que ascende a base de esforzo, tenacidade, sacrificio e adaptación. Levada ao cine por Gerardo Herrero, cun reparto de altura, José Coronado, Maribel Verdú, Federico Luppi e o noso Manuel Manquiña, entre outros, a critica foi fría e parca. Morre, con 65 anos, traspón a dor da súa última fronteira un creador valente, un amante da liberdade.