Un congreso analizará a vixencia de Rosalía no século XXI

Camilo Franco SANTIAGO DE COMPOSTELA

CULTURA

Santiago acollerá no 2013 un congreso internacional que permitirá coñecer cales son os máis recentes análises da escrita rosaliana

21 nov 2012 . Actualizado a las 01:29 h.

A obra de Rosalía de Castro ten unha resposta para cada época. Descubrir cal é a interpretación da súa obra para o século XXI é un dos cometidos do congreso que se celebrará en Compostela entre febreiro e xuño do 2013, coincidindo co 150.º aniversario da edición de Cantares gallegos.

O congreso Rosalía no século XXI, Unha nova ollada comezará na última semana de febreiro e chegará de forma espaciada ata finais de xuño para reunir no Consello da Cultura Galega a unha ampla representación de especialistas rosalianos no mundo. Ao longo de cinco xornadas, segundo Rosario Álvarez, poranse en común as recentes investigacións sobre a escritora de xeito que se consiga «un novo enfoque sobre a súa obra».

Na presentación realizada no Consello da Cultura, os membros do comité sinalaron a importancia que tivo o congreso sobre a poeta celebrado en 1985 e que, en palabras de María do Cebreiro, «marcou a internacionalización da súa obra e un antes e un despois na interpretación da súa figura». Os organizadores consideran que neste congreso «haberá novidades na lectura da súa obra».

Álvarez sinalou que a intención do congreso é «estimular outras lecturas» e para iso as perspectivas sobre a autora non serán só «as da teoría da literatura, nin só desde a literatura galega, incorporando visións desde Europa ou América».

Os cinco bloques fundamentais nos que se organizará este congreso comezarán polo contexto cultural de Galicia no século XIX, para continuar cos novos coñecementos sobre a vida e a obra da escritora. Tamén será materia principal deste encontro a situación actual das edicións da obra rosaliana e as dificultades para poder realizar unha edición canónica da súa obra completa. A proxección exterior dos seus escritos e as lecturas neste século completarán as liñas argumentais.

Están previstas un total de once conferencias que, como é habitual nas últimas actividades do Consello da Cultura, contarán con retrucantes para interpelar ao conferenciante.

Ao mesmo tempo da celebración presencial do congreso na sede do CCG, este terá unha versión virtual na que se irán publicando as comunicacións libres que sigan as liñas temáticas marcadas. No mes de xaneiro abrirase o prazo para as inscricións dos que queiran acudir e dos que queiran enviar comunicacións.