Durante tres días diversos especialistas abordarán a obra, o pensamento e a biografía do homenaxeado
08 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.O vindeiro xoves comeza en Pontevedra o congreso que a Real Academia Galega dedica a analizar as distintas facetas de Valentín Paz Andrade, Día das Letras 2012. Durante tres días diversos especialistas abordarán a obra, o pensamento e a biografía do homenaxeado.
A conferencia inaugural, Paz Andrade na luz e na sombra, correrá a cargo do presidente do Consello da Cultura, Ramón Villares. Seguirán as intervencións Unha mirada de futuro no século XX, de Tucho Calvo; Aparición dun inédito: «Diarios de viaje», de Emilia García López; Valentín Paz Andrade, con Pontevedra ao fondo, de Charo Portela; e Paz Andrade: contra o cinismo, de Manuel Rivas, entre outras sesións.
O venres Ana Acuña analizará a relación entre Paz Andrade e a escola lírica pontevedresa, mentres que Luís G. Tosar achegarase á presenza dos autores iberoamericanos na súa poesía. Henrique Monteagudo centrarase nas ideas sobre a lingua de Paz Andrade, mentres que Xosé Manuel Beiras abordará a célebre expresión de «Galicia como tarefa». Haberá máis intervencións, como a de Xusto Beramendi sobre o nacionalismo galego de entreguerras.
O sábado o congreso conclúe cunha análise de Xosé Luís Axeitos sobre o xornal Galicia, unha visión sobre Paz Andrade e o brasileiro Guimaraes Rosa, a cargo de Carlos Paulo Martínez Pereiro, e a conferencia de clausura, O Valle-Inclán de Valentín Paz Andrade, por Darío Villanueva.