Vázquez asegura que a Xunta está buscando unha alternativa para a RAG

La Voz

CULTURA

08 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O titular do departamento de Educación e Cultura da Xunta asegurou onte que, tanto desde a consellería como desde a presidencia da Xunta, se está traballando para encontrar «unha solución alternativa» para a Real Academia Galega.

Xesús Vázquez explicou que o goberno autonómico entende a situación na que se encontra a Academia e ten intención de «responder na medida das posibilidades» da Xunta ás demandas que está presentando a institución presidida por Xosé Luís Méndez Ferrín.

O conselleiro lembrou que mañá mércores terá lugar unha reunión entre a directiva da Real Academia e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e que nese encontro debateranse as alternativas, e que espera que «sexa posible chegar a un acordo aproximando posturas entre todas as partes».

Xesús Vázquez recoñeceu o importante labor que realiza a Academia e a necesidade de que poida seguir desenvolvendo as súas investigacións. Pero o conselleiro lembrou que o momento polo que está pasando a sociedade «é difícil para todo o mundo». No mesmo sentido, o responsable de Educación e Cultura da Xunta quixo recordar a situación económica que atravesan as contas públicas, «unha situación difícil con recortes xeneralizados para todos os departamentos». O conselleiro agarda que, aínda nestes malos momentos, haxa unha solución válida para todas as partes.