Fina Casalderrey: «Gustaríame recuperar o fervedoiro do comezo da normalización»
CULTURA
É a primeira autora de literatura infantil e xuvenil en acceder á Academia
19 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Fina Casalderrey (Pontevedra, 1951) será a primeira autora de literatura infantil e xuvenil (LIX) que terá cadeira na Real Academia Galega. Así o anunciou onte o seu presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín, asegurando que a institución está «no seu mellor momento». A escritora recibiu a noticia a última hora da tarde de onte observando que entendía este nomeamento como recoñecemento a este xénero.
-¿Como se recibe o de ser nova académica?
-Agora mesmo estou rara. Como cando alguén colle ás costas un peso e ten que afacerse a el. Teño que agradecerlle aos académicos que pensaran que podo facelo porque para min significa un recoñecemento a un xénero que academicamente non recibira moita atención.
-¿Ser muller e autora de literatura infantil e xuvenil son dúas condicións que responsabilizan moito a unha nova académica?
-Dalgún xeito estou como cando foi o do Premio Nacional de Literatura, que medio me entrou medo polo que significaba. Creo que o nomeamento supón abrir as portas para visibilizar un xénero e serve para quitar etiquetas que só están ben nun principio, pero que hai que quitalas á hora de ler porque se non se quitan poden mancar. Teño que sentirme agradecida e tamén me sinto moi responsabilizada do que teña que facer, aínda que agora mesmo non o saiba exactamente.
-¿Que espera facer cando ingrese na Academia?
-Nunca estiven dentro da Academia e non sei como é o seu funcionamento. A responsabilidade que sinto agora mesmo é que cando te nomean hai que pensar sempre no que podes aportar, que agardan de ti e que ideas podes ter para devolver algo do que che dan. Se o que se quere é conseguir que a lingua, a literatura e a cultura vaian para diante quero remar nese sentido.
-¿Que lle gustaría facer desde a institución?
-Quen me dera ser capaz de seducir á xente do ensino e recuperar aquel fervedoiro do comezo da normalización, cando os mestres e mestras se comprometeron para recuperar o uso da lingua e puxeron tanto entusiasmo e tanto esforzo niso. Esa é unha boa tarefa.
-¿Considera que a RAG está ben tratada como institución?
-A impresión que eu teño é que entre as prioridades do Goberno non está a cultura. Agora todo parece que é economía e máis economía. E creo que se esquecen os valores da cultura e mesmo que unha cultura pode ser unha fonte de recursos económicos. Creo que as institucións culturais poden traer riqueza á sociedade.