Deive e Luís Iglesia representan «Gaivotas subterráneas», co «formigo da estrea»
CULTURA
Estrean un thriller psicolóxico escrito por Alfonso Vallejo e producida por tres empresas galegas
24 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.«Michael Caine é el eu son sir Laurence Olivier», bromeaba onte Luís Iglesia, sinalando a Xabier Deive. Explicaba o protagonista de Matalobos que para a obra Gaivotas subterráneas, que estrean esta noite (20.30 horas) no teatro Rosalía da Coruña, empregaron esa comparación coa mítica película A pegada, «pero só para explicar que é un thriller psicolóxico, no demais non se parecen en nada».
«Para A Coruña y el teatro Rosalía de Castro es un honor acoger el estreno de un producto gallego de calidad como es Gaivotas subterráneas», dixo a concelleira de Cultura, Ana Fernández, na presentación desta obra escrita por Alfonso Vallejo e producida por tres empresas galegas: Recursos Técnicos Artísticos, Talía Teatro e Voz Audiovisual.
Xabier Deive explicou as súas sensacións ante a estrea: «Cun 50 % de posibilidade e outro 50 % de responsabilidade por tanta xente que confía en nós; todo o mundo fixo o que tiña que facer e agora tócanos a nós». E, xunto con esas impresións, «un formigo como pasa ante cada estrea».
Artur Trillo, de Talía Teatro, apuntou a necesidade de que «Agadic se normalice para saber que vai pasar coa rede galega de teatros», pola importancia que ten a distribución tanto para Gaivotas subterráneas, «que está nun momento clave», como para o teatro e o audiovisual galego en xeral. Esta reivindicación foi apoiada por Carlos Carballo, director de Voz Audiovisual.
As entradas, con prezos que van dos 6,50 aos 15 euros e descontos do 20 % para os titulares do Carné Xove, maiores de 65 anos e parados, pódense mercar na web Servinova, no 902 504 500, e, para as funcións da Coruña, na praza de Ourense, de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 horas, e no propio teatro Rosalía.