Versión ilustrada do libro a cargo do deseñador Pepe Barro

La Voz

CULTURA

15 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O selo compostelán El Patito Editorial continúa a publicación das obras completas de Rosalía ilustradas por distintos artistas e deseñadores. Nos vindeiros días chegará ás librerías Cantares Gallegos, que conta coas imaxes de Pepe Barro. Para inspirarse, o deseñador botou man dunha segunda edición do libro, do ano 1872, que herdou dun tío-bisavó, así como dos apeiros de labranza das xeracións anteriores. «A lembranza do antigo mundo campesiño foi o meu íntimo punto de partida, pero o resultado pode voar só», di Barro dun traballo sobre un libro que cualifica como unha obra que «anuncia e ao mesmo tempo crea a Galicia contemporánea».

Pepe Barro tamén participa hoxe, como comisario da mostra O cantar dos cantares, sobre os 150 anos de Cantares Gallegos, na presentación no Museo do Pobo dos actos da conmemoración do libro. Estarán tamén o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira; Xosé Henrique Costas, vicerreitor da Universidade de Vigo; Olimpio Xiráldez, da Asociación de Gaiteiros e Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da RAG.

Lectura por escolares

Por outro lado, a Asociación de Escritores en Lingua Galega propuxo a centros de ensino a gravación da lectura por parte de alumnos de Cantares Gallegos, que xa completaron o recitado do poemario.