O mundo cultural entende a dimisión de Ferrín como «desproporcionada»

Camilo Franco REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Considera que as polémicas non xustifican unha renuncia que «ninguén pediu»

27 feb 2013 . Actualizado a las 11:08 h.

O mundo cultural galego considera que a dimisión de Xosé Luís Méndez Ferrín como presidente da Real Academia Galega é «desproporcionada» e, en función das opinións, deixa á institución nunha situación máis delicada que un cambio de presidente. Segundo os académicos consultados, a traxectoria da Academia e do seu presidente e mesmo a tensión que admiten algúns deles non xustificaba unha decisión tan drástica como a tomada, unha dimisión que, sinalan, «ninguén pediu».

Euloxio Ruibal, que forma pate da executiva, explica que na RAG «hai un ambiente de tensión evidente». Lamenta o dramaturgo a decisión do presidente, pero considera que hai quen «non viu con bos ollos o dinamismo dunha sociedade moderna que Ferrín introduciu na institución». Ruibal considera que a situación non ten volta a atrás e que a Academia queda «nunha situación delicada» porque ninguén «pode negar a altura da xestión de Méndez Ferrín».

Para Salvador García Bodaño non se pode falar de «tensión no plenario da Academia». O poeta considera que a «valía de Ferrín como presidente está por riba do sucedido nas últimas semanas». Bodaño asegura que no último plenario se pediron explicacións sobre «algunhas informacións aparecidas na prensa» e, desde a súa perspectiva persoal, explica que non «estariamos falando agora disto se a executiva tivera explicado ao plenario o que se dicía na prensa ou se tiveran explicado ben tecnicamente as contas». García Bodaño asegura que na Academia «non hai vietnamitas nin nazis, pero a situación na que queda a RAG non é tan simple como un cambio de presidente».

Víctor Freixanes, tamén académico e membro do Consello da Cultura, considera «unha decisión desproporcionada» e apunta algúns argumentos que conclúen todos en que o que se pediu «foi información sobre o que publicaban os medios e sobre as contas da Academia, pero ninguén pediu a dimisión do presidente». O escritor e editor explica que hai que valorar «a xestión de Ferrín á fronte da institución moi positivamente».

Para Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de escritores en lingua galega, Méndez Ferrín «é firme defensor do idioma galego», unha defensa que se «concretou presidindo unha Academia que tramitou o recurso a un decreto que contiña medidas agresivas para o noso idioma e a súa planificación educativa». Para o colectivo de escritores faise «un chamamento á responsabilidade dos académicos» para que a institución «non sexa instrumento de intereses alleos á nosa cultura e ao noso idioma».

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recoñeceulle ao dimisionario presidente o labor dos últimos anos «por fortalecer esta institución centenaria e contribuír á súa independencia». Tamén asegurou que só tiña «palabras de agradecemento pola relación de diálogo e lealdade institucional», lembrando a colaboración entre as dúas institucións e a consecución dunha relación entre ambas moi «frutífera» e que permitiu melloras para a Academia.