Manuel Rivas pedirá formalmente ante o plenario da RAG que o presidente esgote o seu mandato e permaneza como académico
09 mar 2013 . Actualizado a las 19:31 h.O escritor e xornalista Xosé Fernández Ferreiro (Nogueira de Ramuín, 1931), autor de títulos como Agosto do 36 ou Morrer en Castrelo de Miño, ingresou este mediodía na Real Academia Galega no que foi o último acto público presidido por Xosé Luís Méndez Ferrín. A cerimonia, á que asistiron ademais dos membros da RAG unha ampla representación da cultura e a sociedade civil galega, deixou á marxe durante unhas horas a polémica interna que vive estes días a centenaria institución tras o anuncio da dimisión do seu presidente e os cruces de declaracións entre destacados membros da corporación.
Ao concluír o acto, Ferrín, a preguntas da prensa sobre a posibilidade de que reconsidere a súa decisión ante os apoios recibidos durante estas dúas semanas, respondeu: «Sempre se pode cambiar de opinión». «¿Ti cambias de opinión con moita facilidade», preguntoulle á xornalista e, ante a insistencia dos periodistas, bromeou: «En inglés, ¿como se di? May be, ou tamén se di perhaps... Estamos na Galicia plurilingüe, temos un decreto que nos fai plurlingües».
Fernández Ferreiro, que foi compañeiro de Ferrín no colectivo Brais Pinto e que traballou durante anos na Redacción de La Voz de Galicia, incorporouse á Academia cun discurso titulado «Breves reflexións sobre os escritores e os xornalistas», no que analizou as relacións entre estes dous oficios. Deulle resposta, en nome da corporación, o académico, escritor e xornalista Manuel Rivas, quen ao remate da cerimonia, volveu pedir a Ferrín que permaneza como presidente e como numerario da RAG e mesmo anunciou que o pedirá formalmente no plenario do vindeiro mércores 13.
Entre os asistentes ao acto, que se celebrou na sede da Academia na Coruña, estaba o presidente e editor de La Voz de Galicia, Santiago Rey Fernández-Latorre.