Xosé Luís Méndez Ferrín: «A ameaza da Academia é de absorción, estrangulación e perda de identidade»

Camilo Franco REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

19 mar 2013 . Actualizado a las 14:50 h.

Méndez Ferrín recibiu con «obvia» alegría a noticia de ser premiado co premio Otero Pedrayo. O escritor salientou o carácter do premio e o nome que ten, pero volveu sinalar que o que ten importancia «son as ameazas sobre a Real Academia Galega».

-¿Como valora a concesión do premio neste momento?

-Obviamente ben. Valoro que sexa un premio de todas as deputacións galegas, que leve o nome de Otero Pedrayo. Tamén valoro que é case o único premio institucional que queda en Galicia. Foron desaparecendo todos e a Xunta renunciou aos premios nacionais que podían recoñecer o traballo dos escritores, entre outros. Nese sentido, este premio ten máis importancia porque un escritor en galego non pode, por exemplo, recibir o Cervantes. Non consideran ao galego nese premio porque consideran ao galego unha lingua de segunda. Para eles somos de segunda. Polo tanto, institucionalmente, reviste unha importancia excelsa que siga existindo.

-¿Axuda a calmar as turbulencias dos últimos meses, especialmente as das últimas semanas?

-Na miña vida turbulencias houbo bastantes e non lle dou moita importancia. Non quero darlle importancia ao que pasou desde o persoal. Non creo que sexa importante nese sentido, o que si ten importancia é a ameaza existente sobre a Academia. Agora mesmo iso si que me parece importante e si que me preocupa moito. O resto non.

-¿Pero cales son esas ameazas para a Real Academia Galega?

-Sábeas quen quere sabelas. Quen ten que sabelas tamén as coñece. Hai moita xente que sabe cales son esas ameazas e o graves que son para a institución e para o país. Creo que non é necesario insistir.

-Pero para quen non saiba, ¿que tipo de ameazas son?

-Podo dicir que a Academia está ameazada de absorción, estrangulación e perda de identidade. E non vou dicir nada máis sobre isto.

-Que o premio chegue desde Ourense, ¿engade máis valor?

-Primeiro creo que é importante que o premio sexa concedido polas catro deputacións galegas e que no seu xuri participe xente moi diversa. Tamén é importante neste caso que o número de premios institucionais que poidan representar a Galicia enteira é cada vez menor. Que o premio se fallara este ano en Ourense e que se vaia entregar tamén en Ourense ten un valor particular para min, pero creo que hai que destacar moito máis o carácter institucional e galego e que sexa dos poucos que resisten para recoñecer o traballo que se fai por Galicia. En calquera caso, e antes que outra cousa, eu teño que lle agradecer ao xuri do galardón a decisión de premiarme.