Aire galego para gaitas rusas

Xesús Fraga
Xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Milladoiro tocará en Moscova cun grupo de gaiteiros da capital

24 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O vindeiro venres Milladoiro pisará terras rusas para ofrecer un concerto moi especial. Nos seus case 35 anos de vida, será a primeira vez que o conxunto galego actúe en Moscova e a expectación é moi alta, como proba que xa se esgotaron as 1.700 entradas do Pazo da Música da capital rusa. Organizada por unha promotora local e a embaixada española, na velada tamén participa o Xacobeo cunha actividade de promoción turística. «A idea tamén é romper unha imaxe hexemónica da música e a cultura que habitualmente se percibe dende fóra de España», resume en nome de Milladoiro Moncho García Rei, un dos membros fundadores. Para iso, nada mellor que un nome de culto entre os seguidores da chamada world music.

Esta cita será aínda máis singular pola participación da cantante canaria Olga Cerpa e os rusos Os Gaiteiros de Moscova. Trátase dun cuarteto que se foi namorando da gaita e da música galega, ata convertela na cerna do seu repertorio, malia tocaren tamén pezas xermanas, estonias ou balcánicas. A clave, a súa versatilidade: «A gaita é unha das máis universais na súa familia de instrumentos», sostén Victor Kraev, o gaiteiro do grupo. «¡Podes interpretar dende música medieval ata jazz con ela!», engade. Comezaron por encargar as gaitas a artesáns rusos, pero agora xa contan cos artigos xenuínos, gaitas feitas en Galicia. En canto á música, buscan «en discos, libros de partituras e mais en Internet», segundo explica o percusionista, Andrey Bayramov. Mesmo se atreven con pezas cantadas en galego: «A maioría do que tocamos son instrumentais, pero ás veces convidamos a cantantes para interpretar cancións galegas. Tamén preparamos concertos especiais para bailaríns e amosarlle aos rusos que en España hai máis que flamenco».

Milladoiro traballa agora nos arranxos para orquestra sinfónica do seu repertorio

Bayramov tamén cita a Susana Seivane, Carlos Núñez, Berrogüetto, Luar na Lubre e o quinteto Bellón & Maceiras como outros músicos galegos que seguen, pero admite que Milladoiro ocupan un lugar especial. «A través deles iniciamos a nosa relación coa música galega. Fainos moi felices poder ter a oportunidade de ver o seu concerto en Moscova. ¡Pero tocar con eles será un soño feito realidade!», entusiásmase Bayramov. García Rei confirma que os rusos subirán ao escenario «para interpretar dous ou tres temas». O músico galego subliña o interese destes intercambios e o pouso que deixan, no vital e no artístico: «Ao cabo, o que fas sempre é froito das túas experiencias». De volta de Moscova, Milladoiro non terán tempo a desfacer as maletas, xa que o 3 de decembro teñen outra cita, desta vez no Teatro Nacional de La Habana. E, aínda que prefiren non falar de celebracións, para o vindeiro ano xa traballan nos arranxos para orquestra sinfónica do seu repertorio, sen maiores complicacións. «Parece que existe unha certa preocupación pola nosa supervivencia ou desaparición. Nós mantemos que mentres sexas feliz e poidas dedicarte ao que che gusta, ¿por que vas deixalo? Iso si, o día que non o sintas, mellor parar, pero nós temos corda para tempo», reflexiona García Rei.

En cambio, malia experimentar a música galega e o seu contexto unha evolución «que nin os máis optimistas soñaban» hai 35 anos, desde Milladoiro advirten de que na situación actual «se corre o risco de involucionar. Non pola calidade, que é alta, senón pola falta de oportunidades. Se non hai actividade, hai xente que terá que abandonar». Mentres, en Moscova, Bayramov non deixa de pensar en vir a Galicia. «Estariamos encantados de tocar nun festival galego e poder escoitar aos nosos heroes. ¡Sería outro soño feito realidade!», conclúe.