María Xesús Lama: «Estes textos descobren o proxecto dun libro que non se coñecía»

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Dende había 60 anos que non se atopaban manuscritos novos da poeta

18 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Sorpresa tras sorpresa. O xoves a Real Academia Galega daba a coñecer poemas inéditos de Rosalía de Castro, en galego e en castelán. Había 60 anos, lembrou Henrique Monteagudo, que non se atopaban manuscritos da escritora, entre outras cousas porque dixera ás súas fillas que os queimasen todos en canto ela morrera. Elas cumpriron o desexo, dando lugar a que Murguía, o seu pai, dixéralles que queimaran a gloria de Rosalía e o futuro delas. Onte a RAG aclaraba que «acabamos de ser sabedores de que o profesor Ramón Torrado no artigo publicado baixo o título Negra ausencia de contento na revista Casa da Gramática n.º 38 (xullo, 2013), que edita o IES Virxe do Mar de Noia, xa dera noticia e publicara o texto Dinche o corazón na man», sendo a primeira vez que se publicaba. En canto aos textos en castelán, a súa descubridora, a profesora da Universidade de Barcelona María Xesús Lama López, salienta que entre eles está «un prego con varios poemas e o encabezamento seguinte: Rosalía. Del tomo inédito Postrimerías. Estes textos descobren o proxecto dun libro que non se coñecía».

-¿Sería o último de Rosalía?

-O último é En las orillas del Sar, que escribe estando xa moi enferma. Pero este manuscrito chama a atención polo extraordinario valor da información que ofrece ese encabezamento e a nova perspectiva que deita sobre as poesía finais engadidas por Murguía ao preparar a segunda edición de En las orillas del Sar.

-¿Murguía inclúe aí versos que eran para «Postrimerías»?

-Todo apunta a que si. Esa edición é de 1909, xa morrera Rosalía e as fillas queimaran os manuscritos, así que pensaría que o mellor era incluílos.

-Dicía vostede que parecen como un diálogo coa morte...

-Ela está moi enferma. O ton desesperanzado e as reflexións sombrizas arredor da banalidade da loita cotiá e a familiaridade coa morte parecen indicar que se trata de composicións dos últimos meses, mais que formaban parte dun proxecto para publicar un novo libro.

-¿Había algunha noticia del?

-Non, non se sabía nada. Nese título de Postrimerías delatábase a conciencia da autora de que sería o derradeiro. Era un proxecto que podería incluír tal vez outros poemas de ton semellante que apareceron soltos como Predestinados, Desolación, A Pilar Castro Alván ou Más rápido que el rayo.

-¿Non hai dúbidas de que a letra é a de Rosalía?

-Ningunha. A letra deste manuscrito é a cursiva inclinada para adiante máis claramente identificable coa letra da autora, coincidente coa que aparece en todas as súas cartas conservadas.

-¿Como chega a estes textos?

-Estou traballando nunha biografía para Galaxia. Paseime -era moi longa- e retrasamos a súa publicación para facer unha biografía definitiva. Tamén traballando, con María do Cebreiro e Helena González, nun proxecto da Universidade de Barcelona e o Consello da Cultura Galega para dixitalizar as súas cartas. Para isto, revisando as fontes, encontramos materiais dispersos e estes textos estaban no arquivo da Real Academia Galega.