
O músico despide o ano na Coruña e inicia o 2015 en Glasgow e Viena
26 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.Despois de explorar as conexións da música galega con sons doutras latitudes e tender pontes con xéneros como o flamenco, Carlos Núñez (Vigo, 1971) está a transitar polo que chama o «corredor atlántico» nunha viaxe sonora que une, ida por volta, Galicia e Escocia. O gaiteiro presentará os resultados das súas investigacións en xaneiro en Glasgow, no festival Celtic Connections, antes de emprender unha nova xira norteamericana e actuar nun templo da música clásica, o Musikverein vienés. Pero primeiro ofrecerá mañá na Coruña (Teatro Rosalía, 20.30 horas) un anticipo desta xeira musical.
-A súa música contradí esa idea da Galicia illada e aposta por esa comunicación internacional.
-Efectivamente. Agora estamos a fondo con Escocia. O festival Celtic Connections de Glasgow pediume que desenvolvese un espectáculo baseado nas últimas investigacións en Escocia. Os especialistas en cultura gaélica, na gaita escocesa, teñen novidades impresionantes. O maior sabio da gaita escocesa, Hugh Cheape, lanzou unha bomba no seu último libro, Bagpipes, publicado hai un par de anos. El afirma que a gaita escocesa chegou dende Galicia. Non chegou a través do continente directamente, senón que a recibiron a través do que el chama un «Atlantic corridor», un corredor atlántico. Está demostrado que dende hai miles de anos hai indicios de comercio entre as illas británicas e Galicia. A gaita debeu de chegar a Escocia aproximadamente entre os séculos XIV e XV. Ademais do comercio houbo todo un fluxo de música, de cancións. O feito é que esas gaitas escocesas antigas son moi parecidas ás galegas, así que estamos estudando os calibres das gaitas galegas máis antigas que se conservan. Pero o máis impresionante, o que ten máis valor, é que eles queren que sexa así. Soñan e senten, e teñen no seu ADN, que dende Galicia a través do corredor do Atlántico chegaban as cousas boas.
-¿Como se traducen todas esas investigacións en música?
-Todas estas vivencias, estas lendas, provocan música. Da batalla de Glenshiel creouse un pibroch, a gran música clásica escocesa para gaita, que recuperamos. Tamén apareceu outra canción moi interesante, preciosa, que imos estrear na Coruña, de Red Donald of Corunna, Dòmhnall Ruadh Chorùna en gaélico. O seu avó participou nas guerras napoleónicas e veu á Coruña, onde estivo con Sir John Moore, e o neto fixo unha canción marabillosa sobre iso. A Coruña é moi importante nesta historia e por iso queriamos tocala aquí, nolo pedía o corpo.
-E logo, viaxe aos Estados Unidos, como tantos escoceses...
-Si, pero antes temos un concerto moi especial, unha especie de conquista da gaita. Imos levala ao Musikverein, coa Orquestra de Viena, o 30 de xaneiro. Trátase dun concerto moi simbólico. En Viena, catedral da música clásica, nós imos levar a través da gaita, da nosa cultura e música, unha mensaxe moi antiga: a gaita en Galicia ten toda unha sabedoría de máis de mil anos. Xa consolidamos o soño de tocar coa gaita no Carnegie Hall, no Royal Albert Hall, e no Musikverein, tres catedrais da música.
carlos núñez gaiteiro