
O plenario da Academia decidirá o 4 de xullo quen será o homenaxeado
27 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.O vindeiro sábado día 4 de xullo o plenario da Real Academia Galega reunirase para decidir a figura homenaxeada co Día das Letras Galegas no 2016. Sobre a mesa ten tres nomes: Xela Arias Castaño, Ricardo Carballo Calero e Manuel María Fernández Teixeiro. Os tres, segundo indicou onte a RAG nun breve comunicado na súa web, contan «co aval requirido de membros da Academia». De feito, os tres xa foron candidatos no debate o ano pasado, cando finalmente se elixiu a Xosé Filgueira Valverde, quen se impuxo por moi pouca marxe ás opcións de Celestino Fernández de la Vega. O ensaísta lugués celebraría neste 2015 os seus cen anos, razón que explicaría que para o 2016 a súa candidatura non se presentase. Fóra del e Filgueira, xa homenaxeado, os académicos volverán debater sobre os tres mesmos nomes de hai un ano.
Ricardo Carballo Calero leva aínda máis tempo sendo proposto para un Día das Letras, arredor dunha ducia de anos, un período no que foi gañando apoios, aínda que a súa escolla polo reintegracionismo nos últimos anos da súa vida puido pesar para que finalmente non saíse elixido. A celebración arredor da súa figura podería reabrir o debate sobre a norma lingüística, algo que algúns académicos non consideran negativo. En todo caso, Carballo é autor dunha ampla obra literaria, tanto de creación como investigadora, que abrangue a poesía, a narrativa e o teatro, e que contribuíu ao coñecemento da literatura galega en xeral e os clásicos en particular, a través de ensaios e mais escolmas.
Pola súa banda, Manuel María ofrece un perfil moi enfocado á poesía, un eido no que está considerado unha voz fundamental na segunda metade do século XX, aínda que tamén cultivou outros xéneros, especialmente o teatro e as narracións infantís. Á extensión e calidade da súa produción lírica hai que sumar o ser unha figura popular, grazas á súa presenza en recitais e todo tipo de actividades culturais e sociais e a conexión da súa poesía con moitos sectores, especialmente os músicos. A súa orientación política tamén é a máis explícita dos tres candidatos.
Xela Arias tamén destacou na poesía, aínda que no seu caso se completa cun importante labor de tradución e no eido da edición. Dende a súa prematura morte aos 41 anos no 2003 a causa dun ataque ao corazón, a presenza editorial da súa poesía foi esmorecendo e hoxe só se atopa con facilidade a súa obra derradeira, Intempériome, mentres que títulos fundamentais do seu corpus como Darío a diario están descatalogados. Como todos os autores homenaxeados o 17 de maio, Arias beneficiaríase do foco posto de novo sobre a súa obra, que propiciaría reedicións e mesmo podería sacar obras á luz, como o seu inédito Lilí con pistolas.
O sábado o plenario deberá decidir o vindeiro homenaxeado, despois da polémica que causou en determinados sectores a escolla de Filgueira Valverde.
Xela Arias
(Lugo. 1962-2003). É unha das voces de referencia da lírica dos 80 e 90. Traduciu ao galego a Roald Dahl, Joyce ou Rodari, entre outros.
Carballo Calero
(Ferrol. 1910-1990). Filólogo e escritor, autor dunha ampla obra ensaística, na que destaca a súa historia da literatura e a edición de clásicos.
Manuel María
(Outeiro de Rei. 1929-2004). Un dos piares da poesía galega da segunda metade do século XX, un autor recoñecido e con gran apoio popular.