O cantante pontevedrés Davide Salvado é un dos fenómenos máis fascinantes da escena musical galega
06 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.O cantante pontevedrés Davide Salvado (Marín, 1981) é un dos fenómenos máis fascinantes da escena musical galega. Con humildade de autodidacta, baixou (ou subiu) calado ás fontes, a escoitar, a gravar, a falar coas vellas pandereteiras, a pararse á sombra dun hórreo ou dunha nogueira nas aldeas da montaña galega, sen présas, como un máis, entre mulleres, cantareiras e bailadoras -que el chama informantes-, coa digna sensibilidade dun antigo brindeiro dos Ancares ou un devoto da regueifa ou da copla. Hoxe, cun pé afirmado na tradición e outro nunha visión aberta, mestiza e heterodoxa, atesoura un dos cancioneiros máis engaiolantes do país, que vai servindo en doses de grande beleza, xa presente no recente traballo Rústica, que compartiu con Cristina Pato, Anxo Pintos e Roberto Comesaña. Lobos, que evoca a idea da pureza telúrica, eleva a música de raíces máis locais á categoría de son global coa axuda de intérpretes do talle de LAR Legido (Sumrrá), Quim Farinha e Santi Cribeiro (Berrogüetto), Xavi Lozano (Coetus), Miguel Hiroshi, entre outros. Unha marabilla auténtica.