
Vixésimo sétimo capítulo da novela por entregas «Noire compostela» de Blanca Riestra
27 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.-Vén para acá -díxolle Touriñán á rapaza, que evitara servirlle toda aquela tarde de sábado.
-Quere outro café?
-Veña, senta -Touriñán parecía divertido.
A rapaza mirouno con desprezo. Estaba xa farta de pelexar. Sentouse en fronte do policía.
-Que vendían os teus amigos?
-Como? Que di?
-Estaban a comerciar con algo, non si? É por iso que están mortos.
-A min que me dis? Eu non estou morta.
Fixo o xesto de quen se desembaraza de algo molesto.
-Síntoo, teño que traballar.
A rapaza ergueuse e foi atender outra mesa onde unha parella discutía.
Touriñán empezou a esborranchar nos panos de mesa, púxolles nomes. Ía facer un teatriño. Un chamaríase «Xurxo», outro «Xaime», o terceiro «Ela». Logo fixo un personaxe máis impoñente, coa axuda do saleiro, e chamouno «Os outros». Os derradeiros cinco pauciños foron «A mercadoría».
Xurxo e Xaime foron desaparecendo do taboleiro, só quedaban Ela e A mercadoría. «E Os outros?» -pensou Touriñán- «Se Os outros xa poden coller A mercadoría, a que agardaban?»
Que era A mercadoría? Por que tiñan que eliminar aos rapaces para acceder a ela? Se fosen contidos dixitais xerados polos rapaces, iso xustificaría as súas mortes. Alguén quixera deter a súa produción. Pero ela, a rapaza, era perigosa? Tiña unha información que podería ser perigosa para alguén? Estaría en perigo? Sería ela a próxima na lista de vítimas?
Ollou para ela. Non tiña aspecto de fraxilidade, nin de medo. Era unha rapaza forte, cun matiz inquietante, as mans roxas e as uñas recomidas, por exemplo. Forte pero nerviosa.
Á noite, nun bar do Franco atopou a Paco xantando o seu habitual bocadillo de calamares.
-Tiña un amigo na facultade que facía sonetos ao bocadillo de calamares.
-Cousas veredes.
-Veña, non te me alporices. Non tes garda?
-Estou en garda cerebral.
-Vaia, home.
-Poñédeme unha caña -pediu Touriñán ao mozo.
Paco chuleouse:
-Sabes que atopei cousas?
-E non me chamas. O teu comportamento frisa o delito, xa o saberás.
Paco fixo unha apropiada pausa de descanso, gozando de cada momento de impaciencia nos ollos do seu colega. Cada un dos seus bocados parecía dicir: «tes que agardar, non che queda outra!».
Ao cabo, tragou o último anaco e falou.
-En todo caso sería obstrución á xustiza. Nada moi grave.
-Ti espera.
-A ver, non queres saber?
-Fala!
Paco mirou a un lado e a outro con prudencia.
-Non sei se estamos no mellor lugar para airear estes lodos, meu ben.
-Posto que aquí estamos, continúa.
-Heiche falar en clave, para que ninguén nos entenda.
-Dime.
-Entrei no profundo, nunha parte do profundo -porque o profundo, xa se sabe, é inconmensurable coma Deus-. E, carallo, que moreas de cousas hai por alá. Por unha banda, circulan os billóns que dá gusto -dende logo, ese é o lugar para facer cartos e non a bolsa de Tokio-. Claro, ti tes que comerciar con armas, ou prover crimes por encargo, ou derrocar réximes, ou vender órganos ou algo dese tipo, ou tamén podes facer chantaxes, diso tamén hai moito, coido eu. E, pola outra banda, atopas imaxes monstruosas, confesións noxentas, proxectos de fabricación de superhomes e de inframulleres, ou ao revés, de supermulleres e de infrahomes, peticións de auxilio, execucións en directo, propostas milenaristas de novos modelos sistémicos, propostas aínda poéticas, moi poéticas, dun apuntalamento do mundo por medio das palabras, ou da imposición dunha linguaxe universal manu militari, o esperanto polas armas, un disparate. E moitos dimes e diretes, moitos rumores.
-Non te entendo, abofé.
-O que facían os rapaces non podemos sabelo.
RESUMO
A comisaria Abelenda está certa de que alguén estivo a argallar nos arquivos antes que ela e borrara información. Quere saber dos sucesos lutuosos do oitenta e tres, onde unha vaga de crimes non resoltos asolara Compostela. Por iso acode á edición local de Salgueiriños para falar con Laureano, o director. Pregúntalle sobre a historia íntima de cidade, a súa intrahistoria. Laureano fálalle de música, de política e de cine, e, abofé, dos desordes e da violencia que non se mencionan nos arquivos.