O currículo, en castelán

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

M. MORALEJO

Sete de cada dez mozos galegos utilizan o español para esta carta de presentación e incluso a maioría dos que falan só galego prefiren o castelán para a súa redacción

08 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

¿Cal é o uso do galego entre a mocidade? É unha das preguntas que se fai o Consello da Cultura Galega, que no seu último plenario aprobou un informe sobre esta cuestión que revela que no entorno laboral manda o castelán. Sete de cada dez mozos galegos prefiren o castelán para a redacción do seu currículo, e o español é a opción maioritaria incluso entre os que se declaran monolingües en galego.

As cousas, porén, cambian no caso de facer unha entrevista de traballo. Neste caso, a lingua habitual é a que máis inflúe. Aínda que en termos xerais o español é a opción maioritaria con máis dun 40 %, é certo que os que se declaran monolingües en galego utilizan preferentemente a súa lingua para desenvolverse nunha entrevista.

O hábitat é outro dos factores que inflúen na prevalencia dunha ou doutra lingua nas relacións sociais. Porque nos entornos urbanos só un de cada cinco mozos que traballan ou traballaron algunha vez utiliza o galego nas relacións cos seus compañeiros, unha porcentaxe que se multiplica en ámbitos de carácter rural.

Son só algúns dos datos que serven para radiografar o estado do uso da lingua galega entre os máis novos. Entre outros aspectos -como o uso do galego no entorno académico e no ámbito laboral-, tamén se lles cuestionou sobre a acomodación lingüística, o fenómeno polo cal as persoas se adaptan ao idioma do seu interlocutor e que se dá máis cara ao galego que cara ao castelán. Oito de cada dez rapaces declararon que respostarían na mesma lingua na que se dirixa a outra persoa, xa sexa galego ou castelán. E a inmensa maioría tomaría en galego apuntamentos no caso de que o seu interlocutor falase galego, unha cifra algo inferior na situación inversa, xa que arredor do 15 % dos enquisados escribirían en galego aínda que o interlocutor falase castelán.

Na mocidade galega hai catro discursos arredor da lingua: o da identidade afectiva, propio dos monolingües en galego; os discursos do bilingüismo utilitario e pasivo, propio de mozos bilingües nun ámbito vilego ou urbano; o discurso do monolingüísmo persoal en castelán e da tolerancia bilingüe, propio de monolingües en castelán dunha vila ou dun entorno urbano; o discurso normalizador, presente en monolingües en galego de ámbitos urbanos; e, xa de xeito residual, actitudes intolerantes co galego.