«Luns», de Eli Ríos

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Da man de Xerais chega ás librarías a novela coa que a autora criada en Ordes se impuxo no premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega

07 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O 2017 foi un gran ano para a autora Eli Ríos (Londres, 1976). Hai pouco máis dun mes gañaba o galardón de poesía Gonzalo López Abente -na súa cuarta edición- co libro Culpable, unha «proposta poética moi arriscada», segundo enxalzou o xurado. E hoxe, da man do selo Xerais, chega ás librarías Luns, a novela coa que a autora criada en Ordes se impuxo a mediados de decembro pasado no premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega -na súa primeira convocatoria-. Se arriscada abondo é Culpable, non o é menos no aspecto formal Luns, un título que ademais inaugura a súa produción no campo da ficción para adultos. Ríos descabalga, cun dramático e inesperado diagnóstico de cancro de mama, a vida cotiá (e comodamente asentada) de Nerea, unha muller camiño dos corenta anos. A abafante conta atrás iniciase. E o texto relata o acontecer interior (nun fluír da consciencia que bate co exterior) dos días de Nerea, que trata de encaixar unha realidade que non ten maneira humana razoable de asunción. A prosa percutidora de Eli Ríos debuxa esa loita frenética, visceral, sen concerto, contra o avance inexorable da morte. Nesa tensión, Nerea revisará non só as razóns da súa existencia senón tamén a súa condición de muller.