Blanco Amor, a vida entre mulleres

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Arquivo Eduardo Blanco Amor

A ubicación do berce orixinario do escritor no casco histórico de Auria segue a ser un misterio que podería estar vencellado coa precaria situación familiar

15 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O espazo máxico de Eduardo Blanco Amor na súa Auria literaria foi o casco histórico de Ourense. As estreitas rúas do entramado medieval eran o seu campo de xogos, un patio de veciños que se alongaba entre o enreixado da catedral e as augas quentes da Burga -a grande e a pequena-, para deitarse cara aos caudais do Barbaña e o Barbañica e as hortas dos arredores. E nese dédalo da cidade de finais do XIX e comezos do XX medrou o neno Eduardo entre as mulleres da familia, logo de que o seu pai os abandonase.

Aurora Amor, a florista que tiña o comercio na rúa Juan de Austria, casara de primeiras con Cástor Bóveda -dese matrimonio eran os irmáns maiores do escritor- e o seu segundo marido -Víctor Blanco, un mozo que chegara á cidade desde a inclusa de Astorga- deixounos cando o cativo tiña só tres anos.

Esta circunstancia e a precaria situación familiar marcaron a vida de Eduardo Blanco Amor e mesmo tamén poderían estar detrás dun dos misterios vencellados co escritor que aínda están sen resolver: onde estaba o seu berce natal.

Arquivo Eduardo Blanco Amor.

Na cerna do Ourense antigo, entre a praza do Ferro e a portada norte da catedral, camiña dereita a rúa Lepanto. Nunha das vellas casas da mesma figura -desde hai anos- unha placa que dá conta do fogar onde naceu o novelista, nun xa lonxano 14 de setembro de 1897. Unha publicación do ano 2011 centrada na veciña rúa da Paz, entre a praza do Ferro e a de Santa Eufemia, veu asentar a casa primixenia nesa arteria da cidade. A mesma na que Víctor Blanco estaba empregado como barbeiro. Mais a cousa non é tan doada, xa que existen referencias do escritor por diferentes espazos do caso histórico da cidade. No caso das rúas citadas os datos proceden do rexistro e da certificación do bautismo, mentres que as outras referencias figuran no padrón municipal.

A itinerancia pola zona estaría motivada pola situación familiar, que rematou co escritor vivindo coa súa nai e as súas tías na casa da avoa. Aquela etapa marcou a vida de Blanco Amor, quen recoñeceu no seu día que a súa fora unha infancia entre mulleres.

E por riba de calquera outra, Aurora Amor. Cando o autor de A esmorga volveu á cidade en 1928, como correspondente do diario La Nación, chegou a carón da súa nai, axeonllouse, pouso a cabeza no seu colo e falou: «Vengo a reconciliarme con Ourense». Na seguinte viaxe, uns anos despois, deulle terra ao seu corpo.

Deputación de Ourense e Xunta na súa fundación

Estaba previsto que se procedese á presentación da Fundación Eduardo Blanco Amor na mesma xornada na que se cumpría o 120.º aniversario do nacemento do escritor, aínda que foi necesario adiar o acto ao estar pendente dalgunha tramitación. O que si se fixo onte desde a Deputación de Ourense -entidade promotora da fundación- foi dar a coñecer o nome dos seus patróns. Segundo consta nun decreto asinado onte polo presidente provincial, os designados son Gonzalo Allegue Otero, Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, Eduardo Camilo Bóveda Sebastián, María Soledad do Muíño Cid, Luís González Tosar, Bieito Iglesias Araúxo, Carlos Laiño Lorenzo, Arturo Lezcano Fernández, Siro López Lorenzo, Acisclo Manzano Freire, Maribel Outeiriño Rodríguez e Luís Pérez Rodríguez. Tamén formarán parte do padroado o Concello de Ourense (representado polo alcalde, Jesús Vázquez Abad); a Consellería de Cultura (estará o titular do departamento, Román Rodríguez González); e a Editorial Galaxia (o seu representante será Antón Vidal Andión). Segundo se informou dende a Deputación de Ourense, no vindeiro mes de outubro celebrarase un acto público para presentar ao padroado da Fundación Eduardo Blanco Amor. 

Obras a concurso

Coincidindo coa data do nacemento do escritor, pechouse a recepción de orixinais a concurso para o premio de novela que leva o seu nome. Trece obras estaban rexistradas onte, ás que se poden engadir as remitidas en prazo.