Anxo Angueira: «O fútbol ensinoume moitísimo»

CULTURA

Ana Garcia

O presidente da Fundación Rosalía de Castro é de Laíño, pero tamén é un pouco de Lestrove. Iso ten que imprimir carácter

13 oct 2017 . Actualizado a las 18:01 h.

Padrón, quilómetro cero da literatura. Anxo Angueira (Dodro, 1961), presidente da Fundación Rosalía de Castro, é de Laíño, pero tamén é un pouco de Lestrove. Iso ten que imprimir carácter.

-Como convence a un lector para que visite a casa de Rosalía?

-Se coñeceu a Casa da Matanza hai anos cando agora chegue a ela verá unha transformación extraordinaria. E quen non a coñeza e pare en Padrón eu creo que unha visita á casa museo de Rosalía é imprescindible. É un epicentro da cultura galega.

-Facendo reconto das mulleres que foron protagonistas entre mediados do século XIX e principios do XX sáenme Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Juana de Vega, Concepción Arenal, Sofía Casanova... Case nada!

-Eu penso que o século XIX é un século de grandes revolucións. E unha das revolucións foi o asalto da muller a posicións sociais, culturais e políticas que non tiña. No mundo da literatura iso vese moi claramente. E no caso galego as grandes personalidades do século XIX foron mulleres.

-Rosalía é o noso Cervantes?

-Si, claro que si. É o noso emblema. Rosalía é a figura cultural que nos une a todos, sen discusión. Para min é o noso Cervantes, o noso Camoens, o noso Shakespeare.

-En Padrón temos a Rosalía e a Cela, o único Nobel galego. Que lle dá Padrón aos cativos que saen estes escritores xigantescos?

-Non o sei [risos]. Ten un premio Nobel que é un escritor extraordinario, con perfís estéticos e políticos distintos aos de Rosalía... Ás veces parece como se se concentrase o talento en certos lugares. Que lle pasa a Celanova, que ten a Celso Emilio, a Curros...? Que lle pasa a Rianxo, que ten a Castelao, a Manuel Antonio, a Dieste...? Padrón ten esa inmensa sorte de ter a Rosalía e ter a Cela, cuns vínculos moi fortes e que quixo deixar a Padrón un herdo extraordinario como é o que está na súa fundación.

-E falando de Rianxo, a ría de Arousa tamén é digna de estudo, a maiores destes nomes temos a Valle-Inclán, a Camba...

-Desde logo, Valle, Cabanillas, os Camba... Non sei a que se debe esa concentración, pero non é normal que en Padrón ou Rianxo, que son vilas pequeniñas, aparezan nun mesmo período temporal figuras importantísimas.

-Vanme matar en Lugo e O Carballiño, pero en Padrón cómese o mellor pulpo do mundo.

-Si [risos], Padrón é unha potencia gastronómica, ten a pulpeira, ten o pemento de Padrón, ten a lamprea...

-Confese, de cativo era quen de meterlle o dente á lamprea?

-Non, non. Eu achegueime á lamprea de mozo, sendo estudante. Convivían comigo no instituto alumnos de Herbón que pescaban lamprea nas pesqueiras de Herbón e coñecín a lamprea nese tempo, xa de mociño. E agora volvín a ela porque me encanta algo moi específico de Padrón que é a empanada, o timbal de lamprea, un prato extraordinario que temos que reivindicar.

-En Galicia seguimos a comer lamprea desde a época dos romanos. Será que aínda somos un pouco romanos?

-Si, seguimos sendo romanos e seguimos sendo suevos, porque Galicia ten unhas raíces que aínda son moi visibles. Nese sentido a riqueza de Galicia é a súa inmensa variedade. Entras nunha comarca e tes un universo enteiro.

-Foi xogador do Unión de Asados-Rianxo, como se lle daba o fútbol?

-Fun xogador do Laíño, que é a miña parroquia...

-A famosa banda de Laíño...

-Efectivamente, meu pai era de Laíño e miña nai era de Lestrove... E xoguei no Laíño de pequeno e logo no Unión.

-En que posto xogaba?

-De dianteiro.

-Sería esquerdo...

-Era dereito, pero xogaba pola esquerda ou pola dereita, e mesmo de dianteiro centro. Foi unha temporada para min marabillosa. Porque o Unión para min era unha militancia máis alá do deportivo. Eramos un conxunto de amigos de varias xeracións e todos intentabamos o mellor para o equipo. Xogar ao fútbol ensinoume moitísimo, moitísimo, da miña terra e da miña xente.

-Segue a xogar?

-Non podo, teño artrose nos xeonllos. Gústame facer bicicleta e ir polos camiños do monte. Gústame moito, non tanto como o fútbol, porque é un deporte máis solitario, pero está moi ben.

-Por motivos familiares que comentaba hai un momento, ten complicado escoller entre a banda de Lestrove e a de Laíño.

-Si, téñoo complicado... Porque me criei e vivo en Laíño, pero a miña vida non tería sentido se lle faltase Lestrove.

-De onde vén o dito?

-Non o sei, Rosalía di: «chove miudiño, pola banda de Lestrove, pola banda de Laíño», e miña nai, que xa ten moitos aniños, agora mesmo aínda canta: «como chove miudiño, como chove miudiño, polas brañas de Laíño polas veigas de Lestrove».

-Se lle pido unha canción para a nosa «playlist» de «Muy de cerca» vaime dicir que Amancio Prada cantando os versos de Rosalía...

-Non, non, non! Haberá que fuxir do monotema... Veña, xa está: Nas tardes escuras, de Narf.