Siro: «Este é o libro da miña vida»

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Á esquerda, Xosé Luís Vilela, director de La Voz de Galicia; o debuxante Siro; Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña; Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación; e Pedro Taboada, coordinador do libro de Siro
Á esquerda, Xosé Luís Vilela, director de La Voz de Galicia; o debuxante Siro; Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña; Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación; e Pedro Taboada, coordinador do libro de Siro CESAR QUIAN

A colección «Grandes pintores» da Deputación da Coruña incorpora ao artista cun volume de gran formato que aborda a súa traxectoria vital, pictórica e literaria

20 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Como ten dito Siro, un faise querer se fai rir». Con estas palabras de Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, arrincaba onte a presentación de Siro, unha monografía de gran formato que forma parte da colección da entidade provincial Grandes pintores, e que nos dezaoito volumes anteriores incorpora a autores como Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo, Alfonso Abelenda, Manuel Patiña ou Tim Behrens. E o acto, celebrado nunha sala Juanjo Gallo chea de persoas da cultura, a arte, a política e o xornalismo, rematou con Siro López Lorenzo, que onte cumpría 75 anos, facendo rir a todos. Foi cando dedicou a obra a seu pai, «que me deixou en herdanza algo tan marabilloso como o humor, que me serviu para darme de comer e para facerme querer», e recitou, como facía seu pai o día de San Pedro, festa no seu barrio natal de Esteiro (Ferrol), o poema de Francisco Añón El borracho y el eco, «que está en castelán porque foi escrito cando estaba morriñento en Madrid».

Agradecementos

«Este é o libro da miña vida, un libro soñado para calquera artista, pero que eu non me atrevía nin a soñar», dixo Siro, que tivo palabras de agradecemento para Santiago Rey Fernández-Latorre, presidente e editor de La Voz de Galicia, ao lembrar: «Topamos un día, na torre de Pontedeume, con Juan Ramón Díaz, vendo unha exposición filatélica, e díxome que deixara o que estaba facendo e que fose para La Voz de Galicia [...] Ese día acertei plenamente». Tamén confesou: «Aínda que os anos dedicados ao xornalismo foron os máis felices da miña vida profesionalmente, non quería morrer sen deixar feita unha obra pictórica coa que sentirme satisfeito».

Santiago Rey Fernández-Latorre é o autor do primeiro dos textos sobre Siro recollidos no libro que amosan ese facerse querer do artista que empezou cando, anotaba Pedro Taboada, coordinador da publicación, descubriu na oficina de delineantes de Bazán que podía facer caricaturas. «La primera se la hizo a un compañero que se llamaba Picos, pero, como era traductor de inglés, lo llamaban Luis Pikinglis, que es una de esas cosas propias de Ferrol», apuntaba.

A súa primeira exposición foi en 1970, en Ferrol, no local do coro Toxos e Froles, e as primeiras caricaturas en prensa publicounas na revista Chan, que editaba Borobó en Madrid. «Eran catro viñetas que chamou Os nenos de Siro, e polas que me pagou mil pesetas, que nos anos 70 eran cartos», lembraba o artista, do que Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación, salientou que segue a tradición de Maside, Seoane, Díaz Pardo e Castelao, «sobre o que tanto ten traballado». Para a vicepresidenta, «a caricatura é unha arte, e non é a única que practicou Siro». Tamén Taboada salientaba que neste volume «vamos a encontrar el Siro menos conocido», tanto na súa obra plástica como nos ensaios sobre o humor, ou en tarefas como a de guionista de radio.

O coordinador tamén eloxiou o deseño da monografía -«Xosé Cobas ha convertido un trabajo un poco desorientado en una obra de arte»- e relatou como Siro recollera personaxes populares ferroláns en obras como Xente na Brétema ou Ferrol onde eu nacín e enxalzou a súa presenza en varios xornais galegos, sobre todo nos seus 21 anos na Voz.

E foi o seu director, Xosé Luís Vilela, o que falou destes anos, da presenza tranquilizadora na redacción dun Siro «audaz e agudo» e de como «todos os políticos querían aparecer nunha das súas caricaturas». Nese senso, lembrou cómo Xosé Cuíña advertía a un colega: «Mentres non saias nunha caricatura de Siro non es nada na política». Tamén dixo que hai «cinco ou seis Siros»: caricaturista, humorista, mestre, galeguista, intelectual... E rematou: «Intelixencia, beleza e sensibilidade, iso é Siro».