Luisa Castro: «"Baleas" débello todo aos lectores que mantiveron vivo o libro 30 anos»

Miguel Sande Corral
miguel sande REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

lisbeth salas

Galaxia vén de publicar unha edición especial do libro da directora do Instituto Cervantes en Bordeos

25 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Pasaron xa 30 anos da escrita deste libro, pero recordo moi ben a imaxe que lle deu lugar: meu pai e mais eu nunha tarde do ano 86 varados coma cachalotes na factoría de Morás, en Xove, mirando para o mar e diante dos vellos raíles oxidados...». Quen lembra é Luisa Castro (Foz, 1966), poeta, escritora, que na actualidade dirixe o Instituto Cervantes en Bordeos e que vén de publicar en Galaxia unha edición especial polo 30.º aniversario dese seu libro de poemas, Baleas e baleas.

«Baleas -di- foi algo que eu escribín coma unha homenaxe á miña xente. A iniciativa de Galaxia de reeditalo agora, e de celebrar este trinta aniversario, encheume de alegría; xa non contaba con algo así. Pero no limiar quedoume fóra algo moi importante, que é dar as grazas aos lectores que mantiveron vivo este libro durante tanto tempo. Baleas débello todo ás xeracións sucesivas de lectores e de poetas máis novos que o adoptaron dalgunha maneira como unha referencia, e iso si que é un milagre. E polo demais, si, ese é o mundo da miña infancia, o universo dun mariñeiro e dunha muller que traballaba na fábrica de conservas, visto pola súa filla: o que eramos eu e mais miña irmá con meus pais e mais coa miña sobriña, que acababa de nacer. Aquela era a miña mitoloxía. E eu quería traducir todo iso a unha linguaxe propia sen traizoar o que eran eles e un mundo a piques de desaparecer. Por exemplo, eu recordo aínda da miña infancia que se compraba carne de balea nas carnicerías, que era máis barata que a de tenreira. Recordo naufraxios, amigos de meu pai que perderon a vida no mar, e quería contar todo iso».

-Que supón para vostede esta nova edición en Galaxia? Con que ollos ve hoxe este poemario?

-A xente di que nunca volve sobre o escrito, pero eu ás veces fágoo. En parte escribimos para coñecernos un pouco mellor e en Baleas hai cousas que aínda me falan de quen son, que me lembran quen son. Por exemplo, na segunda edición que se publicou eu fixera unha limpeza de algúns poemas case por autocensura, por corrección política. E agora, nesta nova edición de Galaxia, a suxestión de Ismael Ramos [o editor que levou adiante esta tarefa], incluín eses poemas e doume conta de que aínda están vixentes. É como volver a aquela casa barata de Foz e a aquel piso de estudantes de Santiago onde foron escritos. Son poemas sobre internados nos que nunca estiven, pero que tiña no meu imaxinario; nas lecturas que facía de rapaza, de libros de serie B. En Baleas había unha mestura de xéneros, de niveles, unha especie de roupa vella, todo cabía alí.

-Naquel 1988 «Baleas e baleas» supuxo atrevemento e liberdade ou liberación; non sei se concorda. Hai unha nova mirada como muller e como poeta sobre as cousas, a visión da muller como suxeito activo ademais sobre temas do mar ou co mar como trasfondo; esa renovación.

-Si, era importante a mirada sobre as mulleres. Pero o tema das mulleres literariamente é algo secundario. Depende de como o trates. As mulleres dos meus libros non son heroínas, nin están sometidas á mirada idealizada dos outros; son mulleres cos seus defectos, as súas debilidades (eis a súa fortaleza), coma os homes en definitiva. E ademais estaba o mar. Eu quería darlle a volta a iso, contar outro mar máis real, o mar antiheroico, o do meu pai, e o certo é que ese mar está cheo de mulleres e de tenrura. Medrar nunha familia de mariñeiros é aprender esa lección desde pequena. Pero quería contalo con alegría, tal e como eu o vivía. Cando tiña quince anos eu devecía por navegar, por ir no barco canda eles. Nunca fun, claro está. Eu era daquelas pícaras que ían esperar a seu pai ao peirao, e si non podía ir no barco pois tiña que contalo.

«Eu soñábame de pequena como autora en galego»

«Por que tanto tempo sen publicar? Pois o tempo pasou e non é falta de necesidade, é que cheguei, creo eu, a un límite. Escribir por escribir, sen que iso supoña un reto, comezou a facérseme difícil. Nos meus últimos libros baleireime de vivencias e houbo tamén un risco a nivel literario -o que para min sempre implica un risco persoal- que dalgún xeito me deixou tamén baldeira. Baldeira ou demasiado chea, aínda non o sei. Chega un momento en que te preguntas se estás equivocada. Se todo o feito é un erro, un produto da vaidade. A sensación de impotencia é aterrecedora cando traspasas ese límite. Eu sentín iso con 39 anos. Desde esoutro lado empezas a ver cousas que antes non vías. Diso precisamente trata o meu novo libro, que sairá en outono, pero só o feito de anuncialo prodúceme certa angustia, susto. Nunca lle tiven medo ás palabras, pero collinllo. E agora síntome coma debutante. Pero ata o momento non tiven présa por saír con algo novo. E tamén, durante estes anos, vivín outra vida no Instituto Cervantes; unha oportunidade de coñecer outros mundos e de facer outras cousas que me aportaron osíxeno, distancia... Chegou un momento que me vía a min mesma escribindo un libro tras doutro e parecíame empobrecedor; aterrador. Apetecíame calquera cousa, botarme ao mar, apuntarme ao Exército...».

-Por que só un poemario escrito en galego? [Abondou, que conste, para transformar a poesía galega nese momento].

-Pois alguén tería que escribirmos mentres durmo porque o certo é que eu soñábame a min mesma de pequena como autora en galego. Con Baleas e as miñas colaboracións aparecidas en La Voz de Galicia e recollidas no libro Melancolía de sofá, creo que xa cubrín a cota. Foron libros que saíron de modo espontáneo. O galego é a miña lingua, na que falo, na que penso. Baleas é o meu único libro en galego, si, pero ao que lle debo todos os demais. Abriume un modo de entender a escrita -baseada na historia persoal, a miña experiencia- que xa non abandonei nunca.