Quero vivir

J. David Collazo Dubra

CULTURA

J. David Collazo Dubra. A Laracha. Enxeñeiro técnico naval e administrativo contable

21 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O son de tambores esvaeceuse chegada a noite. A lúa e as chamas dos fachos alumeaban as sombras nas que os aceiros descargaban sobre as carnes. Mulleres e homes xacían entre berros de dor e carraxe co sangue regando a terra. A lúa seguiu camiño, e os humanos voaron cara ao seu destino. Cando chegou ao horizonte, só quedaban dous guerreiros en pé para loitar pola vitoria. Os dous presentaban feridas sanguentas que se mesturaban coa suor e a lama. Miráronse aos ollos e souberon que non había máis. Houbo un tenso silencio escachado polo vento que remexía os cabelos dos mortos. Entón comezaron as hostilidades, e continuaron ata que os guerreiros azul e vermello se ensartaron ao mesmo tempo. Os dous caeron cara a atrás sobre sangue, vísceras e fedor.

-É a miña fin -dixo o vermello ollando cara ao ceo-.

-Non será para min -respondeu o azul ollando na mesma dirección-.

-Gañaches -cuspiu o vermello-.

-Non me sinto como tal -lamentou o azul sinalando as estrelas escintilando na noite.- Eu só quería iso.

O guerreiro vermello sorriu ás estrelas coa tose sanguenta na gorxa.

-É fermoso -apuntou.-Xa non as acordaba.

O guerreiro azul xirouse cara a el.

-Nós loitabamos para ver as estrelas, para vivir, para estar cos nosos nun mundo para ser e para facer. Por que loitabades vós? Polo señor?

-Por sobrevivir.

-Ti fuches o meu amigo, Xoel, o meu irmán. Por que non camiñaches ao meu carón? Por que non che importou mirar cara ao chan?

-Tiña medo Lug, eu non fixen isto.

-E que viviches Xoel? Cando viches á túa muller e aos teus fillos? Cando o teu rei comeu, bebeu, riu e chorou contigo?

Xoel chorou, e os seus ollos perdéronse na escuridade. Lug colleuno da man.

-Estou contigo irmán. Sé libre agora.

Xoel sorriu antes de morrer.

-Así mo contou meu pai, e así volo conto eu -dixo Lúa acabando a historia e dando un grolo á cervexa mentres baixaba da mesa onde o público da taberna a escoitaba.

-E agora que me dicides? -berrou Lúa-. Queredes vivir ou sobrevivir?

Lúa e os outros dirixíronse á porta dispostos a enfrontarse ó exército que os esperaba alén.