Eladio Munín Barreiro. 44 anos. O Irixo. Funcionario
25 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.A tía Amalia non me era tía nin nada. En realidade non tiña sobriños. Nin fillos tampouco. Por ter, non tiña nada, cando menos nada que fose de valor. O que si tiña, e moito, era conto. Sabía ela o que lle esqueceu ao demo. Dicía que fora criada na casa do albeite de Sá, que disque era un home moi sabedor.
Coñecino ben. Era longo coma un día sen pan, fraco e cun andar descompasado. Tamén tiña a cara chea de marcas das vexigas e un bigotiño de mosca. Vestía verán e inverno con pantalón de pana, chaleco e gabán de tratante con petos na pecheira. Chamábano de toda a contorna para rexistrar as vacas na feira. Rexistráballe os dentes pola idade, os ollos por se fora reloxeira, o ubre por se tiña algún teto escoxado, e a barriga por se daba o preñazo. Sandaba as vacas con sangrados na natura cunha navalliña coas cachas de nácara que levaba sempre con el. Para os empachos facía un preparado con ruda. Tamén sandaba con fume de carballa. Tiña que ser carballa e vella, podendo ser de máis de cen anos. Disque era man de santo para as vacas que abortaban.
Se o mal era dos pés, recortaba o torrón onde pisaba e botábao ao canizo, dicindo unhas verbas polo baixo, e o animal deixaba de coxear. Tamén entablillaba cando partían unha perna, agás as bestas. Nese caso disque non había nada que facer. As bestas teñen moi mala encarnadura.
Tamén botaban man del cando desconfiaban de que unha serpe mamaba nunha vaca. Disque pasaba moito. As serpes tolean polo leite e ata nalgunha ocasión se ten dado de ir zugar da teta dunha muller namentres dorme. Sobre todo se é primeiriza. Preparaba unha canada de leite con cal viva e a bicha estouraba coma unha castaña.
Tiña un coitelo con mango de alicorno moi milagreiro e de moitos usos. Servía tanto para lle abrir as ganas de comer aos nenos como para matar os porcos. Tamén exercía de matachín nos arredores. Tamén medía leiras e partillaba bens entre irmáns, ou cando partían as estivadas entre os veciños para botar o centeo. Era todo un sabio o cego de Saa.