Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

O intruso

Miguel Rodríguez Castillo

CULTURA

Miguel Rodríguez Castillo. 35 anos. Bibliotecario. Vigo

30 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Pechou o libro, deleitándose co estremecemento que sentira. Levantouse lentamente da súa butaca favorita e dispúxose a seguir o ritual, tantas veces repetido, de colocar o libro na súa biblioteca. Camiñaba sorrindo mentres lía os lombos daqueles obxectos que apreciaba máis que calquera outra cousa: King, Poe, Lovecraft, Blackwood, Hodgson.

Eran o seu tesouro persoal. A súa vida. O seu refuxio fronte a un mundo que lle resultaba estraño, molesto e desagradable. Só os libros lle facían sentir vivo.

Chegou ó sitio que tiña asignado para a súa última lectura, xunto a A casa no confín da Terra, cando, de súpeto, captou algo polo canto do ollo. Unha presenza estraña, algo que non debería estar alí. As tapas reviradas cara arriba nas esquinas e o papel de mala calidade, letras de cor vermello que semellaban escritas con sangue na cuberta... ¡Oh, coñecía ben ese libro!

Fora desterrado con vergoña da súa biblioteca hai moitos anos, cando se decatara de que non tiña talento para escribir relatos de terror coma os que lle gustaba ler. As críticas foran desapiadadas. Un fracaso rotundo e unha vexación perdurable. Dende entón escapara do mundo, refuxiándose na súa casa. Non sen antes facer desaparecer cada un dos exemplares da primeira e única tirada do seu libro.

As preguntas amoreábanse na súa mente mentres sentía que a razón afastábase da súa persoa pouco a pouco. Non podía despegar os ollos daquel exemplar, perversamente colocado nun andel da súa biblioteca. Comezou a rir sen saber moi ben o motivo, cada vez con máis forza. As gargalladas saían da súa gorxa avermellada mentres as bágoas desprendíanse polas súas meixelas. Dende o chan alfombrado, e xa sen control algún do seu corpo, contemplou aquel libro maldito por derradeira vez, antes de afundirse definitivamente nas profundidades da loucura.