De todas as persoas que ides ler este artigo, cantas seriades capaces de distinguir un salgueiro dun bidueiro, unha sobreira dun carballo ou un castiñeiro dun sabugueiro? En definitiva, cantas árbores da vosa contorna coñecedes? E, no caso dos animais, cantos dos que viven nos nosos diferentes hábitats poderiades identificar con claridade? E no mar? Diferenciariades un muxe dunha robaliza, ou un pinto dun vello...? E nos insectos? Saberiades distinguir unha avespa oleira dunha avespa abázcaro? E se por calquera motivo tivésedes que sobrevivir comendo plantas e flores silvestres, recoñeceriades algunha para poder alimentarvos?
Saberiades en que zona de Galicia estades polo seu tipo de vexetación? E que partes do país son graníticas ou de lousa? Cantos coñecedes o territorio polo xeito de falar das súas xentes, polo xeito de construír as súas casas, ou por como se pechan as leiras? Cantas sabedes as fases da lúa, a hora segundo a posición do sol ou sinalar os puntos cardinais?
As preguntas son ben diferentes unhas das outras, pero é probable que no mundo que nos toca vivir as respostas da maioría serían probablemente dunha porcentaxe moi baixa de coñecemento, que podería variar levemente en función do lugar en que se viva: campo ou cidade. Obxectivamente, tal como está artellado o mundo no que vivimos, coñecer todo isto que expoño, non é preciso en absoluto, xa que non inflúe directamente no noso desenvolvemento cotián, e o coñecemento de todo isto é máis ben secundario ou moitas veces nin sequera iso.
Agora, preguntas doutro tipo: cantas marcas de coches coñecedes e distinguides? Cantas marcas de roupa ou de calzado? Cantos anuncios de televisión ou de radio coñecedes? Seguro que nestas preguntas a porcentaxe de coñecemento medra, porque están enmarcadas no poder de influencia que exerce o bombardeo cotián da publicidade en nós, e aquí é onde se percibe dun xeito significativo cara a onde imos. Sen ter nada en contra disto último, é triste que non focalicemos a realidade como é debido e que esquezamos tan axiña.