Hai unha innumerable cifra de galaxias no universo que portan á súa vez un incontable número de estrelas, entre as que está o noso Sol, que vén sendo unha estrela do tipo G2, das coñecidas astronomicamente como ananas amarelas de tamaño medio, neste caso con dez billóns de anos de vida. Co paso do tempo este tipo de estrelas van inchando e multiplicando o seu tamaño, chegando a se converter en xigantes vermellas; deste modo, o noso querido Sol podería acabar tragando todos os planetas que conforman o noso sistema solar. Mais para que se dea esta situación apocalíptica aínda faltan moitos millóns de anos.
O caso é que grazas ao Sol aquí estamos nós e todos os seres vivos deste planeta, porque os seus beneficios son absolutamente indispensables para a vida na súa totalidade. O astro rei foi considerado un deus maior en case todas as culturas antigas, recoñecemento que coa chegada do cristianismo e outras crenzas nunca chegou a perder, compartindo altar e poder con outras deidades. O culto que se lle dispensaba en Galicia tiña unha destacada presenza e os rituais e manifestacións simbólicas dedicadas ao Sol dende tempos precélticos aínda son unha realidade a día de hoxe.
O caso é que, dende non hai moito, e grazas aos medios tecnolóxicos actuais, sabemos da grande actividade que hai no Sol e das variacións enerxéticas emitidas en cada momento, que, se ben, grazas a ter unha atmosfera aínda en boas condicións, non nos afectan no desenvolvemento cotián das nosas vidas, pero non é descartable que unha tormenta solar severa puidese xerar alteracións de diversos tipos como xa aconteceu en 1859, producindo un fallo xeral nos tendidos telegráficos de Europa e América do Norte. Daquela foi dunha relevancia menor, xa que non eramos tan dependentes, pero imaxinade se nunha desas tormentas produce un colapso nas liñas eléctricas e en todo o que se deriva delas? Na sociedade tecnolóxica dependente que nos toca vivir sería un caos. Hai que preocuparse? Pois eu creo que non, mentres non pase.