Dalí e Lennon xacobeos

CULTURA

24 ene 2020 . Actualizado a las 18:31 h.

Houbo historias descoñecidas que o xornalista galego Antonio D. Olano (Vilalba, 1938-Madrid, 2012) logrou descifrar e contar pola súa privilexiada relación con pintores como Picasso e Dalí, con toureiros de sona, con actores e actrices, con músicos, etcétera. Un tempo no que el mesmo luciu como dramaturgo de éxito e como animador da noite madrileña e dalgúns agostos coruñeses.

Por boca do propio Salvador Dalí soubo Olano que o pintor catalán, fascinado polos xeitos expresivos do movemento hippy, quería percorrer o Camiño de Santiago co xa exbeatle John Lennon e unha morea de seguidores floreados. Estabamos daquela a finais dos anos setenta, no fervor de Hippylandia, pero o asasinato de Lennon por un fan en 1980 púxolle un remate sen volta ao proxecto. O propio Dalí morrería dez anos despois. E o soño xa non tería continuadores de semellante talle e liderado.

O soño que Dalí compartiu con Lennon en varias conversas -e tamén mediante telegramas enviados nos anos setenta- comezara en Londres cando The Beatles aínda estaban unidos. A partir de aí principiaron as comunicacións co propósito de facer a peregrinación á fronte dun cento de hippys, unhas conversas que, ao parecer, non se interromperon ata o asasinato de Lennon. Aí acabou aquel soño.

A fascinación de Dalí polo apóstolo Santiago viña de vello. El xa pintara varios cadros con esta temática, e o monumental Santiago de 1957 representaba ao apóstolo achegándose a Deus no seu cabalo branco. E detrás desta visión chegoulle a do camiño xacobeo, no que acabaría por ver unha especie de festival de Woodstock móbil, cunha espiritualidade modernizadora de vellas tradicións. Algo concibido, por certo, contra a película A Vía Láctea (1969), de Luis Buñuel, que el tiña por irreverente e fóra de época.

De feito, parece que foi a estrea da película de Buñuel o que desatou o impulso floral-relixioso de Dalí para revitalizar o Camiño de Santiago e presentalo como a revelación actualizada dunha tradición cristiá. Un ano despois, Dalí observou, nunha conversa en Londres, que Lennon era receptivo á proposta. A partir de aí comezou a rodar o proxecto, finalmente frustrado pola morte do beatle.