
Oliver Laxe filma con incuestionables valores formais un queixume por un universo que se perde
12 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Son imaxes moi potentes. As que abren o filme teñen unha intensa capacidade evocadora e, á vez que fascinan, inquietan coa súa peculiar sinfonía de luces e sons entre árbores devastados. Os Ancares reconvertido a espazo singular, onde o director, Oliver Laxe, e o seu cámara, Mauro Herce, alíanse mostrando un mundo que se esvaece pero mantense a noso carón, pese a parecer afastado ou doutro tempo. A anciá Benedicta, que se acompaña da cadela Lúa, de tres vacas con nome propio, e do seu fillo Amador, un tipo solitario, expirómano saído do cárcere que arrastra a saber canta tristeza interior aínda que pareza sentirse ditoso no seu retorno ao verdor que lle rodea, eses montes e vales trenzados por estreitas estradas e carreiros, en panorámicas dignas dun Abbas Kiarostami cando os retrataba na inmensa aridez do Irán con parecidas intencións. Puidese aparentar sinxela a trama, con retrincos dignos do mestre Ozu, pero o que conta é moi fondo e sentido.
Esa casa sobria e solitaria na montaña, abrigada por un entorno ameazado, que o director (tamén coguionista) filma coa estrutura pausada que Tarkovski aplicaba ao uso do tempo, en tan prolongados como intensos silencios, convidando ao espectador a unha experiencia case mística. Máis aló dos seus incuestionables valores formais -é a terceira do seu creador e quizais a mellor redondeada- hai en O que arde cousa elexíaca, un queixume por un universo que se perde, pero ao tempo un ton de égloga, de idealización da natureza e o moito que achega á paz de espírito, respondendo ao propio pensamento do autor nun agradecido alarde de coherencia intelectual. Xunto a isto, a ameaza, o lume arrasador, esas lapas que podemos ser nós mesmos no empeño por afastarnos do mundo de Benedicta e Amador. Admite Laxe o seu interese en chegar ao gran público e afastalo desa zona de confort onde nos instala o cinema estandarizado, sexa ou non mainstream. Pretende, e aquí lógrao, convidarnos a unha comuñón anímica, que se prolonga máis aló da proxección pese ao desacougo do remate. De paso, dignifica ao audiovisual de Galicia. Gócena porque é balsámica, presta ben.
«O QUE ARDE»
España-Francia- Luxemburgo, 2019.
Director: Oliver Laxe.
Intérpretes: Amador Arias, Benedicta Sánchez, Inazio Abrao, Iván Yáñez, Elena Mar Fernández.
Drama.
89 minutos.