Afinais da década dos anos setenta a música galega apenas era coñecida alén das nosas propias fronteiras. Só algúns grupos de tipo folclórico tiñan a posibilidade de participar en festivais que se facían fóra, mais sempre dentro desa etiqueta, o cal encadraba tamén o tipo de público que acudía a estes eventos. Isto resultaba positivo xa que era un xeito de dar a coñecer parte da nosa cultura a través da música noutros lugares pero limitaba o chegar a outro tipo de público quizás máis amplo.
Foi neste tempo cando dous grupos de folk recoñecidos a nivel europeo como Malicorne de Franza e Bleizi Ruz da Bretaña, comezaron a empregar a gaita galega, o que levaba a que explicasen tamén de onde procedía tal instrumento. Nesta altura do século XX, en concreto no ano 1976, Galicia foi recoñecida e incorporada ao xa famoso Festival Interceltique de Lorient, na Bretaña. Dende aquela, cada ano, manda unha delegación de músicos a participar no devandito encontro das nacións celtas. 43 edicións despois aí seguimos, con luces e sombras.
Anos máis tarde e xa coa música galega brillando, un gaiteiro bretón de gran influencia chamado Patrick Molard, grava o L.P. Ar vaz valam, onde inclúe o tema tradicional galego Aires de Pontevedra, do repertorio do recoñecido mestre Ricardo Portela. Esta canción fíxose tan popular e foi tantas veces versioneada, que hoxe en día é unha das melodías máis populares da Bretaña ate o punto de que hai xente que pensa que é tradicional bretoa, sendo unha habitual dos repertorios das Fest Notz (festas nocturnas bretoas).
Dende o tempo destas pequenas anécdotas que conto, moitas versións de temas galegos se teñen feito neste ámbito e cun grande recoñecemento. Aí están os casos dos The Chieftains, Mike Oldfield ou, non hai moito, a dunha magnífica cantora escocesa chamada Julie Fowlis, que fixo unha bonita versión do tema galego Camariñas acompañada pola Orquestra Sinfónica da BBC e cantándoa nada menos que en gaélico escocés e en galego. Para que despois digamos que os galegos non somos influencers.