Culturgal, a feira para tomarlle o pulso á cultura galega

A. B. PONTEVEDRA / LA VOZ

CULTURA

A tecnoloxía tamén está presente no Culturgal, como comprobou o conselleiro Román Rodríguez
A tecnoloxía tamén está presente no Culturgal, como comprobou o conselleiro Román Rodríguez Ramón Leiro

O conselleiro Román Rodríguez subliñou o carácter «diverso, aberto e en crecemento» do certame que se celebra en Pontevedra

29 nov 2019 . Actualizado a las 22:00 h.

Arredor de 15.000 persoas pasarán esta fin de semana polo Pazo da Cultura de Pontevedra para coñecer os avances das industrias culturais galegas a través do Culturgal, que reúne no recinto feiral a 85 expositores e 18 máis no espazo Arte Contemporánea.

A feira arrancou este venres coa Xunta como principal patrocinadora do evento, cunha achega de 65.000 euros e un total de 24 actividades de dinamización e promoción.

Ata o stand autonómico acercouse o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, xunto coa concelleira local Carmen Fouces, e subliñou o carácter «diverso, aberto e en crecemento» da feira e explicou que o Culturgal é «unha das mellores oportunidades para tomarlle o pulso á cultura galega que está acontecendo», destacando o feito de que integra a meirande parte dos protagonistas e profesionais da cultura galega arredor dun evento de lecer cultural do máximo interese.

Traballo activo

Tamén Carmen Fouces destacou a aposta do Concello de Pontevedra pola cultura propia que se «constrúe cun traballo activo e continuado na formación de novos públicos e na promoción de eventos que crean un caldo de cultivo propicio para a cultura galega».

Hoxe sucederanse no recinto feira máis de 65 actividades ao longo de todo o día.

Cinco espazos axeitados para os contidos da feira

Baixo o lema «Dálle unha volta á feira!», a presente edición do Culturgal presenta como principal novidade a redistribución espacial do recinto feiral e unha mellor adecuación dos escenarios aos contidos da feira. Hai un espazo infantil con contacontos, baile, obradoiros e ciencia; un foro con presentacións e encontros profesionais; unha carpa, con espectáculos e capacidade máxima para 400 persoas; unha zona dedicada ao libro con presentacións de lanzamentos, premios e outras novidades e cinema, un espazo para traballos audiovisuais e avance dos que virán, ademais da zona dedicada á arte contemporánea.

Culturgal será esta fin de semana un escaparate da actividade cultural galega con galerías, editoriais, librarías, axencias, artesáns, etcétera.