O mapa do Camiño segundo Novoneyra

m. s. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

SANDRA ALONSO

A fundación do poeta do Courel localiza nunha ferramenta web os lugares que percorreu na súa obra «Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rutas»

23 dic 2019 . Actualizado a las 11:47 h.

Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas. Ámeto Mítico publicouse coincidindo co Xacobeo do ano 1999. O seu autor, Uxío Novoneyra, morreu antes de velo na rúa. Vinte anos despois, a fundación que leva o seu nome volve reparar neste libro para darlle o seu papel de cara ao próximo ano santo, o do 2021. Uxío Novoneyra fillo, xerente da entidade, explícao: «Nese libro meu pai intenta facer ao final da súa vida o mesmo que fixera nos Eidos ao principio da súa vida, coller todos os topónimos de todas as rotas vitais del, que teñen moito que ver co Camiño de Santiago. Arrodeos e desvíos son todos poemas de rutas».

Esas rutas quedarán axiña recollidas nun xeomapa turístico bilingüe que se completará proximamente grazas ao traballo da Fundación Uxío Novoneyra e á axuda do programa O Teu Xacobeo. «Cando saíu a convocatoria de O Teu Xacobeo dividimos este legado en dúas partes. Por un lado fixemos un proxecto que xa rematou, que se chama Ámeto Mítico, que o Xacobeo considerou unha das boas prácticas da primeira convocatoria -seleccionamos cinco poetas para que fixeran unha residencia literaria itinerante polo Camiño de Santiago-». O segundo paso nese proxecto, que está xa en marcha, é Arrodeos e desvíos, que «vai ser un xeomapa bilingüe galego-castelán, no que imos mapeando, a partir do libro, os puntos de interese: vilas, topónimos, patrimonio natural, cultural, arquitectónico, todo aquilo do que se fala».

Todos eses lugares van estar localizados nese mapa, «de software libre», que xeolocaliza ao usuario, de tal maneira que «ti entras na web e lévate a onde queiras. Son xeomapas de turismo cultural». Unha ferramenta que en poucos meses terán ao seu dispor os peregrinos e os camiñantes que queiran descubrir algúns dos segredos de Galicia da man de Novoneyra. «Pode ser unha guía de consulta tanto desde a web para preparar as viaxes como desde o móbil para ir movéndote por Galicia», explica Uxío Novoneyra, que engade que a idea é que sexa unha ferramenta moi intuitiva e útil para viaxar, real ou figuradamente, polas paisaxes do Camiño de Santiago tal e como o recorreu e o sentiu o poeta.

O proxecto que está elaborando a Fundación Uxío Novoneyra é un deses exemplos de iniciativa chamada a actuar como dinamizadora, neste caso no eido cultural. A idea é que ese Arrodeos e desvíos trasladado a mapa estea listo no mes de marzo, nunha edición en galego e castelán que ten xa ambición de ter despois continuidade en inglés. Á vez, a fundación, concretamente a súa presidenta e parella de Novoneyra, Elba Rei, está traballando na tradución ao castelán de Arrodeos e desvíos, que esperan que poida saír tamén nos próximos meses. «O mes pasado xa se cumpriron vinte anos da morte de meu pai, o 19 de xaneiro cúmprense noventa do seu nacemento, e dez da creación da fundación», recorda Novoneyra fillo. Un bo momento para «intensificar aínda máis» as iniciativas dedicadas a lembrar ao escritor.

A entidade encargada de manter o seu legado está desenvolvendo xa o traballo no marco da segunda fase do programa O Teu Xacobeo, que financia proxectos que teñan que ver con iniciativas de promoción e de dinamización para que o espírito xacobeo chegue a todos os recunchos da comunidade de cara á celebración do próximo ano santo no 2021. A idea é que o efecto dinamizador do Camiño e da tradición xacobea se estenda, e para iso a Consellería de Cultura e Turismo abriu xa dúas convocatorias dotadas con oito millóns de euros coas que se financian 352 proxectos en máis de 140 concellos.

A primeira parte do proxecto da Fundación Uxío Novoneyra, Ámeto Mítico, «foi elixida como unha das tres iniciativas que Cultura destacou no Culturgal». «Esperamos que agora tamén lles guste», desexa Uxío Novoneyra. Seguro que si.

rosalía en camiño

Diálogos poéticos impulsados pola casa da escritora

Outra das iniciativas do programa O Teu Xacobeo foi a promovida pola Casa de Rosalía co título Rosalía en Camiño. Durante tres días recorreu escenarios xacobeos e rosalianos cun grupo de poetas internacionais que ofreceron diálogos poéticos multilingües en Santiago, Ponteceso e Padrón. Un proxecto co que se promoveu a dimensión internacional da cultura galega.

música de cámara

Un ciclo para saber de Hotteterre e o seu uso da gaita de fol

Cun concerto no mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil rematou a finais de outubro o ciclo de concertos nos que Ensemble Hotteterre deu a coñecer as composicións para música de cámara do francés Jacques-Martin Hotteterre, nas que a gaita de fol tiña un papel protagonista. O ciclo, promovido pola Fundación Vicente Risco dentro do Xacobeo 2021, recorreu diversos lugares de Galicia.