O tempo que tarda a terra en dar a volta ao sol é o que nós denominamos ano. 365 días agrupados en doce meses diferentes que á súa vez conforman as catro estacións: primavera, verán, outono e inverno. Cada mes ten as súas peculiaridades e o seu refraneiro popular propio e eu ás veces resumo o ano seguindo os sabios consellos que podemos escoitar dese legado popular. Así para xaneiro: «O sol do xaneiro non ten compañeiro» ou «Non hai lúa como a de xaneiro nin amor coma o primeiro». De febreiro: «A chuvia de febreiro enche o cabaceiro» ou «Febreiro, sete capas e un sombreiro». Do mes de marzo: «Marzo chuvioso, verán caloroso» ou «Cando marzo maiea, maio marcea». De abril: «Abril augas mil» ou «Abril abrilón, auga por un tubo e pode que trebón». De maio: «Ata o corenta de maio non quites o saio» ou «En maio aínda a vella queima o tallo». De xuño: «Por San Xoán, a sardiña pinga o pan» ou «Por San Xoán, as once da noite con día dan». Para xullo: «Se xullo está a arder as patacas has coller» ou «Polo mes de Santiago esconde o coello o rabo». De agosto: «A auga en agosto non fai bo magosto» ou «Agosto ardenteiro, herba no palleiro». Do mes de setembro: «En setembro arden os montes e secan as fontes» ou «En setembro vendima correndo». De outubro: «Outubro afriar, inverno a escoar» ou «Logo que outubro veña, procura a leña». De novembro: «De Santos ao Nadal é inverno de verdá» ou «Se novembro empeza ben, non hai nada que temer» e para o mes de decembro: «Nadal chuvioso, xaneiro ventoso» ou «Polo Nadal, cada ovella ao seu curral».
Así é que seguindo os sabios consellos dos nosos maiores podemos facer un bo resumo do ano xa que esa sabedoría ancestral raramente se soe equivocar, e con esas sinxelas pautas podemos guiarnos ao longo dos 365 días nos que o planeta dá a volta ao sol. Temos unha cultura popular moi viva que é un tesouro legado dende o fondo dos tempos a base de experiencias convertidas en marabillosos refráns. Observemos estes ditos e teñámolos en conta, porque dalgún xeito nos poden axudar no día a día. Así que, neste vindeiro 2020, saúde para todas e todos vós e escoitade sempre ás persoas máis sabias porque algo sempre queda.