O lugar do Cebreiro no concello de Pedrafita (Lugo) está raiando co Bierzo e supón unha das portas da Galicia actual. Punto clave de entrada do Camiño de Santiago á nosa terra e lugar de descanso, lecer e paso de peregrinos chegados de moi diferentes lugares do mundo. Actualmente, e por fortuna, restaurado do abandono predominante no rural galego e convertido nun espazo con moito encanto, non só pola súa estratéxica situación senón polo conxunto etnográfico de pallozas rehabilitadas que aínda conserva e tamén pola súa historia estreitamente ligada ás múltiples lendas, moitas deles referidas ao propio camiño.
O Cebreiro é hoxe un lugar moi visitado por todos os valores que comentei e por moitos máis pero, que sería del se o camiño non pasase por alí e sobre todo se o seu cura Don Elías Valiña, dende o ano 1959 ata o seu falecemento, non fose o principal estudoso e impulsor do Camiño de Santiago moderno? Pois probablemente correría a mesma desgracia na que están moitos dos núcleos rurais espallados por toda a Galicia interior; despoboamento, abandono e ruína. Non sei se a filosofía daquel home sabio era converter o lugar no que é hoxe en día pero, aínda con detalles claramente mellorables, o Cebreiro é un lugar recuperado tanto humana como esteticamente, cun entorno agradable e seguramente cunhas perspectivas de futuro interesantes se se fan as cousas ben.
O certo é que non só O Cebreiro, senón todos os lugares polos que pasa o Camiño de Santiago débenlle moito a D. Elías Valiña xa que el foi o creador das frechas amarelas coas que recuperou o camiño dende a fronteira con Francia. E conta a historia que nun recóndito lugar dos Pirineos foi visto pola garda civil pintando aquelas frechas, ante a estrañeza, os gardas preguntáronlle que era o que estaba facendo e el respondeu con contundencia; «estou preparando unha gran invasión», e vaia se foi unha invasión co paso do tempo. Agora vese con rotundidade todo o traballo realizado por este home que naquel día tivo que ir ao cuartel a explicar con máis claridade de que se trataba aquelo que estaba a pintar.